O mércores 13 e o venres 15 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º de ESO realizamos un taller onde desenvolvemos a nosa creatividade e adquirimos coñecementos de programación.
Comezamos o taller atendendo ás explicacións que nos daban sobre a arte, e aprendemos que unha idea creativa pode ser a clave do éxito. O que fixemos foi deseñar unha máscara intelixente, cunha función que non ten ningunha máscara hoxe en día.
Ensináronnos dous modelos feitos por eles e despois, tocounos a nós. Formamos equipos e tivemos que crear a nosa propia marca, elaborar un prototipo dunha máscara e crear un slogan para ela. Para crear un bo produto tiñamos que seguir estes pasos: detectar a necesidade, cubrila cun factor diferencial, e ser os primeiros en facelo. Despois diso, cada grupo explicou a súa máscara coas súas características. Saíron proxectos moi orixinais!
En segundo lugar, pasamos á parte tecnolóxica, onde nos ensinaron como podemos programar a nosa máscara para que cumprise as funcións coas que a deseñamos. Cada un de nós tiña un ordenador portátil diante, e conectada ao aparello, unha tarxeta microbit. O obxectivo era programar a tarxeta, que iría incorporada á máscara, para que medise a temperatura corporal. Fixémolo coa aplicación makecode e foi moi divertido. Tiñamos que arrastrar bloques para crear as accións desexadas e logo descargar o programa para pasalo á microbit. Desta forma, cando pulsabamos un botón da tarxeta, aparecían os números que marcaban temperatura nas luces led que tiña a tarxeta microbit. Por último, fixemos outro programa que servise para que cando a temperatura superase os 36ºC saíse un debuxo do coronavirus, e para que se a temperatura era inferior, saíse unha cara cun sorriso.
Foi un obradoiro que estivo xenial, sentímonos como auténticos deseñadores/as e programadores/as!
Accede á reportaxe fotográfica aquí.
Paula López Martínez – 3º ESO C
Sem comentários:
Enviar um comentário