16.2.21

Charla Día da muller e da nena na ciencia

O xoves día 11 de febreiro o alumnado de 4º ESO recibiu unha pequena charla virtual sobre o Día das Mulleres e Nenas Galegas na Ciencia. Con esta actividade preténdese facer unha reflexión na poboación para evitar os estereotipos aínda existentes que crean nas nenas unha sensación de inseguridade á hora de poder realizar o traballo que realmente lles gusta por medo ao rexeitamento. 

Comezaron falándonos varias mulleres sobre os traballos que están a realizar e o porqué da súa decisión. Ana Ferrer, unha muller que ao principio quería ser veterinaria, pero acabou pasándose á enxeñaría grazas á súa afección pola científica francesa Marie Curie; Lucía Sánchez, traballadora dunha enxeñaría de minas; Laura Moreno, que traballa na unidade de investigación “Camero” (onde estudan como funcionan os tumores) grazas ás súas referentes Lynn Margulis, importante bióloga no campo da evolución biolóxica e das células eucariotas, e a bioquímica Margarita Salas; Eva Domínguez, científica traballadora na enxeñaría de cabinas, que mostra que a ciencia é a solución dos problemas; e outras científicas como Jessica Sieira, Elena Rodríguez ou Rosa Arias, que traballaron nos campos de enxeñarías informáticas, de materiais e químicas. 

Ademais destas presentacións, tamén lles realizaron a estas mulleres algunhas preguntas como: “poderiades vivir sen teléfono móbil?” ou “que superpoder che gustaría ter?” Á primeira, algunhas responderon que si, pero a maioría dixo que non, xa que neste dispositivo teñen a súa vida privada e tamén laboral; mais, á segunda responderon moi libremente: ter supervelocidade, ser unha heroína coma Wonder Woman, ou ter o poder do teletransporte. 

Finalmente, tamén nos plantexaron algúns experimentos, como o de meter un ovo nun matraz. Isto pode conseguirse introducindo un anaco de algodón queimado dentro do recipiente e, cando vas meter o ovo, o matraz deixará que pase polo aumento da presión interior. Ademais, ensináronnos como mesturar a electrónica con substancias de refugallo para facer un robot. 

En resumo, esta charla serviunos de exemplo para poder facer o traballo que realmente nos guste, sexamos mulleres ou homes. Como ben dixeron todas e cada unha das mulleres que falaron ao principio, debemos loitar pola igualdade á hora de escoller traballo e para que todas as persoas poidan conseguir o seu obxectivo.

María Lestao Fernández, 4º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...