11.3.21

Promocionando Burela Bonita

Os alumnos de 2º ESO PMAR ao longo dos 21 días co galego e +, na hora de titoría, estamos creando unha conta na rede social Instagram para dar a coñecer a nosa vila dende a nosa perspectiva, pois hai recunchos que só os bureleses coñecemos ben. Os obxectivos desta actividade son varios: 
  • Comunicármonos en galego.
  • Responsabilizármonos no uso das redes sociais. 
  • Facer grupo. 
  • Coñecer mellor a nosa vila. 
Seguro que moitos de vós coñecedes o lema “Burela Bonita”. A nós ocórrensenos moitas outras frases coas que se pode identificar a nosa vila e que poderían ser un bo lema para promocionar Burela: 
  • BURELA RIQUIÑA: ningún outro sitio mellor ca Burela para divisar os mellores amenceres e atardeceres. 
  • BURELA LARPEIRA: aquí cómese moi ben. Se non estivestes na Feira do Bonito, estades tardando! 
  • BURELA ENXEBRE: nada máis xenuíno e auténtico da nosa terra ca os nosos traballadores do mar. 
  •  BURELA QUE CHEIRA A PEIXE FRESCO: a lonxa. 
  • BURELA CON AFOUTEZA: temos un equipo de fútbol-sala feminino ao que nada se lle resiste. As nosas xogadoras están cheas de enerxía, valor e decisión. 
  • BURELA DE FOLIADAS E BRINCADEIRAS: hai moitas outras festas ademais da Feira do Bonito: as festas patronais, a Castrexa, o festival Osa do Mar,… 
  • BURELA XEITOSA: ningún outro sitio mellor ca Burela para vivir. É un concello que pola súa extensión permite que nos movamos a pé. Este feito facilítanos os movementos diarios e axúdanos a coidar do medio ambiente. 
  • BURELA AGARIMOSA: qué mellor exemplo de persoas que nos tratan con agarimo ca os nosos sanitarios. En Burela está o Hospital da Mariña. 
  • BURELA RABUDA: hai días de temporal nos que Burela amosa o seu mal xenio. 
  • BURELA ACOLLEDORA: en Burela vive xente de distintas partes do mundo! Nós enriquecémonos da súa cultura. 
  •  BURELA LINDA: dende o miradoiro de Monte Castelo temos vistas incribles. 
  • BURELA DAS AMIZADES E DOS SORRISOS: Aínda que neste momento os nosos sorrisos os tapen as máscaras, somos unha vila de xente leda. 
Para levar a cabo o proxecto, ata o momento, o que fixemos foi debater sobre as distintas expresións que podemos empregar para identificar a nosa vila e organizar o traballo para ter imaxes dos recunchos que queremos amosar na nosa conta. 

Aínda nos queda moito traballo por diante, temos que deseñar o aspecto da nosa rede social e escribir os pés de foto. 
 
Alumnado de 2º PMAR

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...