O día 16 de marzo tivemos unha videoconferencia a raíz dunha exposición sobre a vida de Isaac Díaz Pardo, xa que é unha figura moi importante en Galiza. Isaac Díaz Pardo foi un gran impulsor da fábrica de Sargadelos, entre outras.
Isaac elaboraba os pasquíns cun grupo de amigos da súa mesma ideoloxía política. A guía explicounos que tiñan que ir ao concello para que lles selasen os pasquíns e Ánxel Casal imprimíaos. Mais eles non o facían, ata que lles chamaron a atención por facer isto. Isaac comenta ao final do vídeo que a xente nova quere cambiar o mundo mais que non pensan o suficiente. Isaac aprendeu isto moi ben, el librouse da morte mais seu pai non tivo esa mesma sorte e Ánxel Casal tampouco. Detivéronos e Isaac pensaba que cando os soltaran da cadea serían libres, que non que os ían matar. Seu pai e Ánxel Casal morreron con poucos días de diferenza. Camilo, o pai de Isaac, foi paseado o día 14 de agosto e os seu amigo, o 19.
Este acontecemento tivo consecuencias na súa familia. Tras a morte do seu pai, a familia quedou marcada, xa que o seu pai era galeguista. Quitáronlles todo o que lles pertencía e viviron escondidos ata que a situación mellorou. Isaac foi enviado a casa dun tío seu á Coruña. Isaac colleu o autobús, o Castromil, para ir desde Santiago ata A Coruña, e o vehiculo tivo que deterse 6 veces polo camiño porque había mortos nas cunetas e na estrada e xente chorando e berrando. Estivo agochado, sen saír de casa de seu tío, na Praza de Pontevedra, 6 meses. Cando todo se calmou un pouco, decidiu irse para Madrid e estudar Belas Artes. Comezou a ir ao Museo do Prado, intentando imitar os cadros e vendéndollos á burguesía.
Máis tarde, Isaac introduciu nas súas obras a crítica da Guerra Civil. Nalgún dos seus cadros realiza unha homenaxe ao seu pai. É o caso do cadro titulado “Os afogados”. As súas obras tiñan unha temática de denuncia. Despois, na década dos 60, comezou a pintar dunha maneira expresionista. Isaac, nas súas obras quería denunciar a falta de liberdade. Isto acontece no cadro titulado “As miradas”. Trátase de miradas inquisitivas, preguntándose cando acabará a ditadura.
Isaac estivera tamén en Londres e deu clase en Barcelona pero decide abandonar os pinceis e, tras varias exposicións, como non se sentía realizado pintando para a burguesía, trasládase a Galiza, a Sada, a casa da familia da súa muller Carmen Arias (Minina).
Isaac Diaz Pardo mantiña contacto con Luís Seoane. Entre eles escribíanse cartas dende Galiza a Arxentina. Isaac tamén tiña contacto con máis xente do exilio, xa que eles propuxéranlle a Isaac facer obras, cerámica, a nivel industrial en América.
Tamén realizou unha banda deseñada en galego, baseándose nos carteis de cegos. Creou a súa propia banda deseñada, que consistía nunha critica da sociedade e tamén dos emigrantes enriquecidos. Parte deles provócanlle unha profunda decepción.
Isaac comeza a producir a nivel industrial ao adquirir a fabrica de Sargadelos. A principios do século XIX era unha fábrica de armas e despois empezou coa louza, mais non por moito tempo. Tras o peche da fabrica, pola morte do Marqués de Sargadelos, pasa practicamente un século pechada (1875-1970). Isaac compra a fabrica e renóvaa. A fábrica de Sargadelos dividese en dúas etapas: Sargadelos histórico (temática inglesa) é Sargadelos actual (historia de Galiza, con debuxos que destacan de Galiza). As dúas temáticas tiñas en común a mesma cor: o azul escuro ou azul cobalto.
Isaac tamén construíu unha escola de deseño co seu amigo Luís Seoane, unha editorial (Edicións do Castro, 1963) para recuperar así as novelas destruídas durante a ditadura e dar máis importancia aos exiliados e aos novos autores. Tamén puxeron en funcionamento un museo de arte contemporánea ao que lle puxeron o nome de Carlos Maside. No mesmo museo tamén realizaban talleres e tiñan unha carpa que expoñía as obras por toda Galiza.
As últimas palabras que oímos de Isaac Díaz Pardo no vídeo foron a frase na que el di que era “conservador libertario”. “Conservador” porque hai que conservar o que herdamos e “libertario” porque non sempre hai que seguir o ditado polas normas. Non se consideraba nin de esquerdas nin de dereitas. Explica que o problema no mundo é a ética. O que hai é que ter honestidade.
Tamén no final da exposición escoitamos unha reflexión sobre a tecnoloxía e a contaminación do noso mundo. Isaac pensaba que “estamos escarallando o planeta, que este é o século da basura”.
Por outra parte, para el a cultura era tamén economía e, non só iso, senón que con ela se pode facer labor social. Sentíase “vivo” loitando contra os poderes establecidos. Morre aos 91 anos, en 2012.
Para finalizar, realizamos unhas breves preguntas e así acabou a nosa videoconferencia.
Accceda a algunhas fotos aquí.
Beatriz Botelho Melo – 1º BAC B
Sem comentários:
Enviar um comentário