22.6.21

Despedida 2º Bach 2021

 
Orla 2º Bach 2021
 
Mellores expedientes ABAU

Esta fotografía pon punto e final á andaina no IES Perdouro dunha marabillosa promoción de alumnas e alumnos que pasaron polas aulas, e tamén polos nosos corazóns, deixando unha pegada chea de ledicia, emocións e satisfacción polo traballo ben feito.

A maioría destes rapaces e rapazas chegou hai seis anos ao noso centro coa cariña de susto e incertidume que supón iniciar unha nova etapa de estudos nun lugar totalmente novo. Porén, deseguida, gañaron o noso corazón coa súa alegría, a súa implicación en todas as actividades e a súa calidade como persoas.

E foi pasando o tempo... E chegaron novas caras en 4º da ESO... E pasou o tempo... En 1º de Bacharelato houbo novas incorporacións... E ese grupiño que chegara ao principio enriqueceuse aínda máis: o compañeirismo, o “bo rollo” que sempre houbo entre elas e eles, é un sinal de identidade desta xeración.
 
E cando estabamos en 1º de Bacharelato, cando xa todas e todos nos sentiamos parte deste grupo excepcional... chegou o COVID e tivemos que pecharnos nas casas e aprender a relacionarnos e traballar a través da frialdade dunha “realidade virtual” que substituíu a calor do día a día na aula e os vosos sorrisos por unha imaxe a través dunha cámara.
Coa máscara posta comezamos 2º de Bacharelato, un curso marcado pola incertidume, o estrés pola ABAU e unha serie de novas palabras que invadiron a nosa vida: pandemia, coronavirus, pcr, corentena, confinamento...

Mais, detrás desa máscara que tivemos que empregar acotío, eu seguín vendo os vosos ollos cargados de ilusións, de entusiasmo e de todas esas emocións que o resto da faciana non podía transmitir.
Sodes, todas e todos vós, unha marabillosa promoción de moi boas persoas, que é o máis importante que se pode ser na vida, e estamos moi orgullosos e orgullosas de vós.

Eu, persoalmente, fun a vosa profesora ao longo de catro, tres e dous anos, ademais da vosa titora neste último curso, e podo dicirvos que sempre estaredes no meu corazón.

Non vos dicimos adeus porque queremos que voltedes polo IES Perdouro para compartir con nós a vosa andaina pola vida. Isto é un “ata sempre”...

Moitos bicos: ALEJANDRA, SERGIO, EGOITZ, LAURA, KATY, TONY, AARÓN, CHISTIAN, ADRIÁN, ROBERTO, CECILIA, ANTÍA, FLORENCIA, ÁLEX, RAÚL, HELENA, ÁLVARO, ANDRÉS, ALEJANDRO, YAIZA, LUIS, DANIEL, NOAH, JORGE, VÍCTOR, LUCAS, PAULA e SALMA.

Neves Cando, Titora 2º BAC, Curso 2020-21

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...