O venres 28 de maio, o alumnado de 4º ESO traballamos distintos conceptos sentimentais e emocionais a través de dinámicas de “ximnasia emocional” organizadas por María Navarrete, neuroeducadora e animadora socioemocional catalá.
Para comezar, fixemos un xogo de intercambio de lugar co fin de presentarnos e mesturarnos entre nós e despois un microteatro de posibles emocións.
Seguimos cunha dinámica na que tiñamos que aguantar as miradas durante uns minutos e en silencio. Para iso, dividimos a clase nun círculo interior e noutro exterior, mirando os do medio cara aos de fóra e viceversa; cando pasaba o tempo, cambiabamos de persoa e, xa nas últimas roldas, engadimos unha conversa na que os membros da parella se alternaban para dicir frases que empezaran por “gustaríame ...” ou “sei que podo…”.
Logo da primeira actividade, continuamos coa explicación do que sentiriamos nós en tres situacións distintas: axudar a alguén nun momento de apuro, celebrar o noso anivesario e que ninguén nos faga caso ou que nos expulsen de clase inxustamente. O obxectivo era falar, o maior tempo posible, das supostas emocións neses momentos, mentres que a túa parella escoitaba (con isto queríase demostrar a nosa imaxinación rápida e a forma na que expoñemos os feitos case sen ter tempo de pensar). Deste xeito descubrimos como funciona o cerebro ao expoñerse a un cambio emocinal: experimentamos a emoción, analizámola, pensamos nela e, xa por último, actuamos. Un proceso que só realizamos os seres humanos: sentir, pensar e actuar; o resto de seres vivos senten e actúan.
Despois de cada dinámica analizabamos as emocións experimentadas e, entre unha e outra, facíase unha pequena explicación teórica.
Finalizamos o obradoiro cunha serie de anécdotas que contou María sobre o seu traballo e sobre respostas e sucesos que lle chamaron a atención en charlas similares.
Nós quedamos con ganas de máis e imos ter a sorte de poder desfrutar dunha segunda sesión facendo máis activides que nos poidan servir para a convivencia na clase, para a nosa forma de pensar e para ter unha boa saúde emocional.
Accede a algunhas das fotografías feitas nas sesións de ESO.
Laura Rodríguez López e Nuria Ramos Cuba, 4º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário