27.3.22

Obradoiro de xoguetes naturais

O luns día 7 de febreiro do 2022, José Manuel García Fernández veu á nosa clases ensinarnos os seus xoguetes naturais e de paso fíxonos facer un xoguete a nós. 

O primeiro xoguete que nos ensinou e que fixemos foi un barquiño feito cun xunco (que é unha planta que se pode encontrar en zonas húmidas), con espiñas de acacia que suxeitaban o xunco e con follas de loureiro, que tiñan o papel de vela do barco. 

O segundo xoguete que nos ensinou foi o saltón. Era un obxecto de madeira que tiña un mecanismo que facía que o obxecto saltara dando unha viravolta. 

O terceiro xoguete chamábase rinrán. Era un xoguete feito con noces, un pau e un fío groso. Funcionaba a base de tirar do fío con forza e a noz encollía o fío de novo para dentro. 

O cuarto xoguete foi como o primeiro pero mellor feito e moito máis complicado, tamén feito con xuncos.   

O quinto e o sexto xoguete foron unha boneca e un cabalo feitos de folla de millo que estaban moi ben decorados. 

O sétimo xoguete era un colar feito con bólas que un tipo de avespas poden crear nos carballos. Había un máis grande e outro máis pequeno. 

O oitavo xoguete era o tiratacos. Funcionaba cunha bóla de papel mollada e cun pau da medida correcta. Poñíanse dúas bóliñas de papel molladas e o pau empuxa a segunda bóla para que o aire se comprima e a primeira bóla saia disparada. 

E o noveno e último xoguete chamábase foguete cun xunco. Funcionaba separando un pouco a casca do xunco pola súa base. Logo, collíase unha parte da casca e tirabas da outra con forza para abaixo e o xunco saía como un foguete. 

Na miña opinión, foi unha actividade bastante divertida e na que puidemos aprender cousas novas e todas as cousas que se poden facer con elementos naturais. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Antía Montenegro González – 2º ESO D

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...