Excelentísimo Sr. Alfredo Llano:
Escribímoslle en nome do alumnado do IES Perdouro para que vostede fose tan amable de escoitar unhas cantas propostas en canto á melloría do transporte público e a construción de carrís de bicicletas polo centro urbano de Burela para poder chegar ata diferentes lugares do pobo. Estas propostas están relacionadas co propósito de poder mellorar a nosa posición fronte á contaminación do medio ambiente. Ademais, así teriamos unha mellor mobilidade pola nosa vila, á par de máis medios de transporte para moverse pola Mariña Lucense.
1. Todo o alumnado está a favor da melloría do transporte público pola Mariña Lucense. Sabemos que isto non depende só do Concello, pero sería interesante preguntar e intentar buscar unha solución acorde a este problema. Sería un gran avance para o noso pobo, unha gran axuda para a xente con necesidade de trasladarse dun sitio a outro. Ademais, sería unha modesta pero influente fonte de ingresos.
Para a mellora disto, expoñemos os seguintes puntos:
- O aumento de viaxes por día, para poder reunir máis persoas e así difundir o bo funcionamento do transporte público.
- Máis variedade de destinos; deste xeito habería máis lugares aos que viaxar, polo que máis persoas estarían interesadas.
2. En canto aos carrís de bicicletas, pensamos que isto podía incrementar a actividade física entre a xuventude, ao igual que a da xente que para desprazarse dun lugar a outro de Burela vai sempre en coche. Con estes carrís, incitariámolos a cambiar este hábito tan contaminante para o noso ambiente. Sabemos que sería algo custoso, pero tamén sabemos que á larga, terá resultados moi positivos para todos.
En resumo, sabemos que o que estamos a pedir é complicado, que estas medidas non se poden levar a cabo dun día para outro. Sabemos que supón un gasto económico considerable. Pero temos claro que, se estas peticións dan froito, seriamos un pouco máis solidarios co medio ambiente e así mesmo, estariamos a mellorar o funcionamento dun servizo como o transporte público.
Esperamos que as nosas peticións sexan recollidas con gusto por vostede. E tamén sirvan para mellorar e axudar en algo.
Grazas pola súa atención.
Alumnado do IES Perdouro.
Accede ao álbum de fotos AQUÍ.
Sem comentários:
Enviar um comentário