O pasado mércores 16 de febreiro un grupo de oito alumnos do IES Perdouro (catro alumnos de 4º ESO, unha de 1º de Bacharelato e tres de 2º de Bacharelato) fomos a Ribadeo a participar na 13ª edición da Olimpíada Española de Xeoloxía.
A primeira proba (que arrincaba ás 10:30h da mañá) disputouse na Praia das Catedrais ou de Augas Santas e consistiu nunha xincana por grupos. Nesta proba tiñamos que contestar a diversas preguntas sobre as estruturas xeolóxicas presentes na praia e identificar diversos tipos de rochas.
Unha vez rematada a práctica, fomos comer e ás 15:00h reunímonos outra vez no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo para realizar a proba teórica. Esta consistía nun exame no que non só debiamos ter coñecementos dos diferentes tipos de rochas, senón que tamén debiamos telos sobre a tectónica de placas, as estruturas xeolóxicas, etc.
Mentres se corrixían os exames, o noso profesor, Fernando, aproveitou para falarnos un pouco das plantas que había no xardín do instituto. Ademais, tamén realizamos unha actividade co xeólogo Fran Canosa sobre os efectos da luz ultravioleta nas rochas, a cal resultou extremadamente sorprendente posto que estas adquirían unha cor moi intensa cando estaban expostas aos raios ultravioleta.
Por último, asistimos á entrega de premios.
Desgraciadamente o noso instituto non conseguiu ningún, pero todos nos atopabamos igualmente contentos posto que viviramos unha experiencia nova, aprenderamos moito e pasarámolo xenial.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Ramón Real González - 4ºESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário