A escritora falounos da orixe deste libro. Un día, escoitando un podcast de “Cuarto Milenio”, oíu que unha muller fora atopada morta e o seu bebé xogando xunto ao cadáver; a isto sumáselle que na última fotografía publicada dela víase unha man pantasma. Por iso, ela decidiu escribir un libro que empezara cunha morte e que os feitos se foran desencadeando ao longo da historia. Nese momento ela sabía pouco da violencia machista mais decidiu entrar nese tema para entendelo mellor. A súa intención era escribir sobre mulleres da súa idade coas que sentirse identificada, xa que o común na literatura é que os papeis protagonistas sexan para homes (como exemplo puxo a Harry Potter, unha das sagas que a introduciron no mundo da lectura, xunto coa serie de libros de “Los cinco”; sobre estes últimos libros contounos que sempre se identificou cunha das protagonistas (Georgina), pero que ela non quería deixar de ser muller para facer o que Georgina facía, posto que a protagonista quería ser un rapaz para correr moitas aventuras).
Amosounos diversos exemplos sobre o papel da muller na literatura, como o caso da autora de Harry Potter, quen non puxo o seu nome completo nos libros porque, se o público masculino sabía que era unha muller, non os lerían.
Con respecto á violencia machista, ao longo da charla ensinounos algúns titulares de noticias redactados de maneira agresiva cara ás mulleres, mentres que, no caso dos homes, moitas veces se intentaba diminuír a importancia da situación. A violencia convértese nun circo mediático que parece esconder os agresores e intentar suavizar os delitos que se cometen contra as mulleres.
Tamén nos presentou algúns dos lugares que aparecen no libro como “Vila Chorima”, que agora está en ruínas e que era o lugar a onde Alana foi servir coa súa nai, e onde vivimos a súa infancia. Tamén falou da Rúa Betanzos e da Praza de Lugo, lugares onde se desenvolvía a vida de Alda e Alana, e o Hotel de Francia, que actualmente é o Blue Coruña.
Gustoume moito a charla xa que a escritora fusionou temas do libro coa realidade da violencia machista que estamos vivindo na nosa sociedade.
Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.
Sandra Lopes Monteiro, 1º BAC-B
Sem comentários:
Enviar um comentário