1.11.23

Coñece a túa vila: ruta por Burela

Tal e como fixeron as promocións anteriores, no inicio do novo curso o alumnado de 1º ESO do IES Perdouro saímos a coñecer a nosa vila: Burela. 

A organización do centro decidiu que fósemos andando con seis profesores e profesoras: Fernando Losada, Sol Galdo, Fernando Lago, Miguel Rodríguez, Begoña Abad e Carmen Sampedro. 

Ás 8:30 reunímonos, dividíronnos en 2 grupos e saímos do recinto escolar ás 8:45. Nada máis baixar pasamos moi preto do Hospital da Mariña, moi importante para os cidadáns desta comarca. Seguimos a ruta e atopamos outro edificio importante: o Cuartel da Garda Civil. Aproveitando as vistas do alto de Burela, explicáronnos que "o faro non é faro" senón que é unha baliza. Tamén puidemos ver unhas plantas de menta, medicinais, que axudan a calmar a dor das ortigas. 

Dirixímonos á parte vella de Burela: a Vila do Medio. Alí vimos un cruceiro, unha cruz que axuda á orientación, unha casa tradicional galega e un hórreo, sobre o que nos deron información. Aprendemos que son estruturas típicas galegas fundamentais para gardar o millo e outros cereais. 

Entre o máis antigo que ten a nosa vila está a igrexa da Vila do Medio, unha impresionante construción do século X. Os nosos guías mostráronnos as famosas pinturas que contén o seu interior, as 3 campás e ofrecéronnos moitos máis datos que nos deixaron abraiados. Aproveitamos para facer unha foto de grupo nese fermoso monumento. 

Moi preto desa zona atópase un lugar idóneo para ver diferentes tipos de plantas típicas da vila tanto autóctonas como invasoras: alí puidemos ollar un groso castiñeiro centenario, xigantes eucaliptos, un muíño de auga e un río que fai que haxa musgo, fentos e acacias. Os salgueiros, toxos e a herba da pampa (planta invasora) encontrámolos aos poucos metros. 

Deixamos a zona vella de Burela e camiñamos en dirección á Marosa. Alí puidemos escoitar unha curiosa explicación da erosión da auga, que fai que as rochas polo impacto do mar se vaian convertendo nunha peculiar “tableta de chocolate”. 

De regreso vimos a "uña-de-gato" (outra planta invasora) e as Tetas da Vinculeira, emblema da riqueza arqueolóxica da Mariña. Para rematar a nosa andaina, vimos o antigo castro habitado polos galaicos onde se atopou o Torques de Burela tan famoso da nosa vila. Obviamente, non puidemos evitar estar uns intres parados desfrutando das vistas que nos ofrece Cabo Burela. 

Case sen darnos conta, xa era hora de voltar para o instituto e dar por terminada a xornada educativa.

Pódese acceder ás imaxes AQUÍ.

Gabriel Marrube Mendaña - 1º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...