16.2.16

Arranca o Torneo de Xadrez do IES Perdouro

O torneo de Xadrez 2016 promovido por Manuel Vilariño, profesor de matemáticas, co obxetivo de estimular o pensamento matématico e desenvolver estratexias mentais, acaba de empezar.  
Nesta edición competirán un total de 36 alumnos/as de ESO e Bacharelato que desfrutarán dun torneo cheo de tensión e moita deportividade.

Fomos finalistas do Premio á Acción Maxistral 2015 con "Proxecto Neo"

Acabamos de recibir o noso diploma acreditativo: fomos Finalistas Autómicos co noso programa de radio educativa "Proxecto Neo", proxecto presentado por Bernardo Penabade Rei, Miruca Parga Valiña, Karina Parga chao, María José Andión Fontela e Jose Ramón Leiva Arrojo ao Premio á Acción Maxistral 2015. Con data de 22 de xullo soubemos que resultábamos finalista en Galicia mais non resultamos gañadores. En total, aos premios Acción Maxistral 2015 presentáronse, na súa undécima edición, un total de 534 proxectos educativos de profesores e centros escolares de todo o país que desenvolveron durante o curso 2014/2015 unha iniciativa ou experiencia en infantil-primaria, secundaria ou educación especial.

A Comisión de Avaliación Nacional do Premio á Acción Maxistral 2015, convocada pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e o BBVA, seleccionou finalista autonómico da súa undécima edición a un proxecto educativo do IES Perdouro de Burela na categoría B correspondente ao Ensino Secundario Obrigatorio e Bacharelato.

O proxecto chamado “Proxecto Neo” centrase na elaboración dun plan de atención específica para a integración do alumnado inmigrante e pretende ademáis reforzar a socialización de persoas en risco de exclusión, fomentar a interculturalidade nos medios de comunicación, concretamente na emisora local "Radio Burela".

Nesta undécima edición do premio, presentáronse 534 proxectos de profesores e centros escolares de toda España, 39 de Galicia e entre os 7 finalistas autonómicos de Galicia, está o IES Perdouro de Burela.

"O feito de conseguir estar entre os finalistas nun concurso deste tipo para o IES Perdouro, é moi satisfactorio. É un recoñecemento ao traballo desenvolvido por un equipo de docentes en prol da integración e interculturalidade, un traballo as veces ardúo que levamos facendo dende hai varios anos. " indicou Karina Parga, Vicedirectora do centro burelés. "Este diploma chega no momento en que o noso programa de radio educativa alcanzará mañá as 150 emisións. Proxecto Neo faise ao vivo e en directo todos o mércores de 17h a 18h na emisora do corazón da Mariña, Radio Burela." explica Mª José Andión, xefa de estudo do Perdouro.

12.2.16

Acto de presentación de "Nefelibata" de Maka Ledo na biblioteca do IES Perdouro

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro a presentación do primeiro libro da nosa alumna de 2º de Bach. Macarena Ledo Vázquez. Abriu o acto o señor director do centro educativo, retratando o carácter polifacético da autora principiante (ademais de ser alumna de 2º de Bacharelato, Maka adica o seu tempo libre a ser actriz de teatro, locutora de radio, monitora de tempo libre, blogueira e escritora). Fixo mención aos seus múltiples premios literarios de índole local, nacional e incluso internacional. A continuación tomou a palabra Mónica Filgueira Formoso, artista ourensá, quen foi a encargada de ilustrar "Nefelibata". Fixo da relatora novel unha presentación chea de emocións e poesía. Logo, Macarena Ledo explicou o significado de "Nefelibata", título da súa obra acorde coa súa personalidade. O seu primeiro libro que recolle 70 relatos curtos dividos en 3 partes naceu da sorpresa coa que quixo agasallar os seus familiares e seres queridos nas pasadas festas navideñas. Quedaron moitas cousas por contar máis xa sabemos que o vindeiro venres 26 de febreiro ás 20h15 na libraría Nobel de Burela, Maka Ledo presentará novamente ao público "Nefelibata".

11.2.16

Maka Ledo presenta "Nefelibata", o seu primeiro libro.

A biblioteca do IES Perdouro acollerá mañá venres, día 12 de febreiro, a presentación do libro Nefelibata da nosa alumna, Macarena Ledo Vázquez. No acto de presentación contaremos ademaís coa presenza da artista ourensá, Mónica Filgueira Formoso, ilustradora da portada. Esperámosvos!!

.

6.2.16

San Xoán Bosco 2016 - finais das competicións deportivas

Os Campionatos de San Xoán Bosco, organizados pola A.C. “Os Matos”, é unha das actividades anuais do I.E.S. Perdouro. Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de E.S.O. participou en diversas modalidades lúdicas e deportivas, que remataron na mañá do martes 2 de febreiro.

Os participantes puxeron ilusión e gañas nas distintas  modalidades que se ofertaban:
  •     Individuais:  Xadrez e Damas;
  •     Parellas: Construcción de Puzzles;
  •     Grupos: Baloncesto e fútbol sala.
As primeiras eliminatorias, e as finais individuais e de parellas, desenvolvéronse nas instalacións do centro durante os recreos, ata o día 29 de xaneiro. As finais de grupos disputáronse no pavillón polideportivo dos institutos o día 2 de febreiro pola mañá, rematando a xornada cunha sesión de xogos populares na que participou todo o alumnado. 
Da organización e coordinación dos Campionatos encargouse a profesora de Educación Física e o profesor de Relixión, contando co apoio do Equipo Directivo do Instituto.
Os vencedores das distintas modalidades, que recibiron as súas correspondentes medallas, son:
  • Xadrez: Luis Pernas Maseda (1º ESO B)
  • Damas: Jorge Quelle Gómez (1º ESO B)
  • Puzzles: Ainhoa Fanego Lestegás e Carla Fra García (2º ESO A)
  • Baloncesto Mixto: Equipo de 2º ESO A (Alex, Iván Carla, Ainhoa, Irina, Pol, Miguel e Marta)
  • Fútbol Sala Masculino: Equipo 2º ESO B (Jairo, Edmilson, Nicolau, Pablo, Iago, Brais, Alfredo e Bruno)

4.2.16

visita á Coruña e Outeiro de Rei - 1º de bach. e 2º FPB

Este xoves, día 4 de febreiro, os alumnos de 1º de Bacharelato e de 2º de FP básica visitaron a Facultade de Informática, onde foron recibidos pola vicedecana, Susana Ladra González, que os acompañou en todo momento polos laboratorios, aulas e outras dependencias da facultade. Tamén visitaron o "corazón informático" de todo o campus, unha sala refrixerada chea de torres de racks onde se localizan os ordenadores centrais.
Despois o grupo de alumnos foi coñecer os quefaceres do CITIC, o Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da Universidade da Coruña, unha visita moi interesante onde o alumnado puido reflexionar sobre as necesidade da investigación, do desenvolvemento e da innovación, I+D+i, para o ben común de todos.
Xa pola tarde, a comitiva achegouse ata a Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei para coñecer a vida e obra dun home comprometido coa súa terra. 

3.2.16

Elena Valle - 2º premio XXI Certame literario Trapero Pardo

A nosa alumna de 2º de Bacharelato, Elena Valle García, foi recoller esta tarde no salón de plenos do Concello de Lugo un dos premios do XXI Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo. Acadou co seu relato "Xogas" o 2º premio na categoría 15-18 anos valorado en 130 euros.  Todos os gañadores recibiron ademais un diploma e un lote de libros. O profesor Castro Castedo, membro do xurado e promotor da iniciativa, fixo unha valoración moi positiva da creatividade literaria dos premiados e animounos a seguir lendo para seguir escribindo e converterse, quen sabe, nun futuro Cunqueiro nun Fole ou nun Manuel María.

Parabéns Elena !!!!!

1.2.16

Viaxe a Ferrol

O mércores 27 de xaneiro, os alumnos de 1º Bacharelato asistiron pola mañá, acompañados das profesoras do Depatamento de Lingua castelá, á representación teatral La dama boba de Lope de Vega en Ferrol. Pola tarde, fixeron unha visita guiada polo historiador de Ferrol, Justino Fernández Negral, que lles explicou, de maneira amena e moi práctica, o urbanismo e o Modernismo da cidade de Ferrol.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...