13.12.18

Viaxe a Asturias

Os alumnos de 3º da ESO do IES Perdouro fixemos o día 21 de novembro unha viaxe a Asturias para ver pola mañá a Central Leiteira Asturiana e pola tarde visitar o Museo da Minaría en Avilés.

Sobre as 10:00 horas chegamos a Granda, onde se atopa a Central Leiteira. Alí, uns guías recibíronnos para ensinarnos a fábrica. Entramos nunha sala onde nos puxeron unha bata e un gorro e guiáronnos pola factoría; o primeiro que nos ensinaron foi a descarga do leite (2.000.000 litros) procedente das granxas. Este leite pasa despois a uns tanques de hixenización e esterilización, alí extráese a manteiga e o resto pasa á uperización, para envasar o leite en distintos envases e saír pola parte de atrás da fábrica con destino aos comercios españois.

Sobre as 16:00 horas chegamos a Avilés para ver o Museo da Minaría de Asturias. O primeiro que fixemos foi descender nun ascensor ata unhas galerías, fomos camiñando por elas e vimos carbón nas paredes e unhas vías por onde van os vagóns; estaba todo moi escuro. Baixamos por unha rampa e leváronnos nun pequeno tren, despois ascendimos ao museo. Alí vimos ferramentas e imaxes da historia dos mineiros.

Chegamos a Burela ás 20:30 horas.

Accede ao albúm de fotos aquí.
Luis López Ramos
3º ESOA

Planetario móbil

O día 30 de outubro, os alumnos/as de 4º ESO acudimos a unha actividade realizada a quinta hora da mañá. Esta actividade consistiu en visitar un planetario móbil, que nos trouxo Íñigo De La Quadra Salcedo, un dos fillos de Miguel de la Quadra Salcedo.

Chegamos á aula de música e xa nos deu as instrucións para poder realizar a actividade con normalidade. Cinco minutos despois entramos na cúpula: comezamos cunha imaxe xeral do Universo e a medida que iamos avanzando viamos a Terra e o Sistema Solar dende diferentes puntos de vista; ata puidemos observar o lado oculto da Lúa.

Pasamos un momento divertido aprendendo sobre o Universo, foi incríbel.

Accede ás fotos aquí.
Sergio Alonso
4º ESO

11.12.18

O Camiño de Santiago: do Cebreiro a Samos

    O martes 23 de outubro o alumnado de 3º da ESO fixemos unha viaxe na que visitamos diversos e interesantes lugares guiados polo profesor Antón Niñe.


    Primeiro fomos ao Mosteiro de Samos, ocupado actualmente por oito monxes.
 
  Trátase dunha abadía que foi fundada no século VI por San Martiño de Dumio. Foi moi importante durante a Idade Media. Chegou a posuír máis de duascentas vilas e cincocentos lugares.

    Xa en época máis recente, no ano 1951, sufriu un incendio debido a que un rapaz acendeu unha candea e, ao prender no licor que alí se fabricaba, comezou a arder.

    O claustro de maior tamaño denomínase claustro do Padre Feixóo, na honra dun monxe do século XVIII, personaxe moi importante da época. Cada lado deste claustro mide 54 m de longo, polo que é o maior de España. Tamén vimos o claustro das Nereidas, de estilo gótico, que é máis pequeno ca o anterior. Entre os dous claustros encontrábanse a mordomía e a botica, lugar onde se gardaban os medicamentos.

    Despois vimos a portada románica, que era a entrada da igrexa que había no mosteiro. Ten gravada unha cruz de soga, que non ten nin principio nin fin, coma o universo. Tamén ten arcos oxivais.

    Máis tarde, fixámonos na porta da biblioteca, concretamente nunha inscrición, que foi o que máis me chamou a atención. A frase, escrita en latín, di: “Un mosteiro sen biblioteca é coma un castelo sen armamento”.

    A continuación, subimos para ver onde se encontraban os dormitorios. Cada un tiña o nome dun personaxe da igrexa. Vimos a porta da que fora a cela onde se hospedou o escritor galego Ramón Cabanillas, que estivo no cuarto chamado “San Petrvs Ap.”

    Minutos despois, baixamos para ver a igrexa, que tamén fai de parroquia de Samos. Pero, antes encontrámonos cunha gran sancristía, que ten unha cúpula enorme e no centro unha mesa do século XVIII. Xa na igrexa, vimos o fermoso rosetón, que hai que mirar de dentro cara a fóra para saber o que nel está representado. Impresionounos moito a decoración deste lugar xa que estaba moi relacionada coa natureza.

    Despois, dirixímonos á Capela do Ciprés ou de San Salvador, que foi construída entre os séculos IX e X. Ten un arco de ferradura de arte mozárabe e un arco de medio punto na entrada.

    Máis tarde, fomos ao Cebreiro; alí estabamos a mil cen metros sobre o nivel do mar. Descubrimos que Elías Valiña Sampedro, que foi párroco na igrexa de Santa María do Cebreiro, foi quen pintou as frechas amarelas desde os Pireneos ata Santiago de Compostela.

    Despois, visitamos o albergue. Alí explicáronnos que había dous tipos de persoas que facían o Camiño de Santiago: os peregrinos e os camiñantes. Se queremos aloxarnos nel temos que levar os utensilios de cociña, xa que alí non hai. O albergue conta con catro grandes dormitorios que, en total, teñen cento catro camas.


    A continuación fixemos un pequeno percorrido do Camiño de Santiago e puidemos ver un punto quilométrico que indica os quilómetros que quedan para chegar a Compostela.

    Despois fomos merendar ás Termas e posteriormente collemos o autobús de volta a Burela.

    Accede a completa reportaxe fotográfica aquí.

María Valcárcel
3º ESO A

Carreira Solidaria para acabar coa leucemia infantil

Algúns alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato xuntámonos por unha boa causa: acabar coa leucemia infantil grazas á investigación. Unímonos ao proxecto “La Vuelta al Cole” da fundación “Uno entre cien mil”. Esta iniciativa consiste en que o alumnado corra aportando un euro solidario que será investido nunha bolsa de investigación.

Todo empezou cando Benxa, o noso profesor de Educación Física, nos dixo que tiña pensado unha actividade para subir nota. Todo aquel que estivese interesado tiña que ir ao día seguinte á biblioteca durante o recreo. Alí explicounos en que consistía, as tarefas que tiñamos que facer etc. Ese mesmo día abrimos un novo grupo de WhatsApp para repartirnos o traballo e ir comentando todos os pasos que iamos dando cada un de nós.

O primeiro foi buscar o máximo número de patrocinadores posibles; ao cabo dunha semana xa tiñamos máis de mil euros recadados só de empresas da zona. Ademais, fixemos rifas para sortear unha caixa de peixe que nos doaron. O noso profesor quedou impresionado con todos os cartos que fomos capaces de xuntar.
Deseñamos o percorrido da carreira: unhas voltas no parque que está preto do instituto. Despois de saber exactamento todos os patrocinadores e o percorrido, fixemos o cartel e encargámonos de repartilo por todos os establecementos de Burela. Tamén difundimos información en todos os cursos do instituto e intentamos que aportaran o seu euro para a causa. Fixéronnos unha entrevista para El Progreso, publicaron unha noticia en La Voz de Galicia e falamos en Radio Burela para anunciar a carreira.
Como resultado de todo este laborioso traballo, acadamos arredor de dous mil cincocentos euros para doalos á fundación.
Cando todo estivo preparado para o gran día, os nervios estaban a flor de pel: sairía ben...?, dariamos organizado a tantos nenos e nenas…?
Despois de que todo pasou e botando unha ollada atrás, decatámonos de que vivimos unha preciosa experiencia que nos fixo sentir mellores persoas.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Laura Pernas Pérez
1ª BACH-A

Memoria histórica

O mércores 17 de outubro os alumnos de 1º e 2º de BAC tivemos unha charla adicada en gran parte a experiencias sufridas durante a guerra civil española e que levaba por título  "Negación, testemuño e literatura. A guerrilla que nunca nos contaron". Este acto foi presentado polo profesor do centro Bernardo Penabade.

A charla comezou coa presentación do libro A raíña das velutinas, escrito por Lionel Rexes, e no cal aparece Xulio Rodríguez, un dos personaxes da obra que tamén estaba alí presente e que nos comentou que non pode concibir a ninguén que non aproveite a riqueza potencial da lectura. Tamén estaban presentes Fernanda, neta do guerrilleiro coñecido como o “Gardarríos”, fusilado cando ela tiña dous anos, e a filla de Kiko que explicou como foron algunhas experiencias fascistas vividas en Francia.


Por último, Kiko, un guerrilleiro que naceu no 1925, contounos experiencias persoais na guerra civil e deixounos algunha que outra frase curiosa como “os exiliados non escapaban da guerra, senón da morte”. El denomínase e descríbese como un gran rebelde e reivindica que a muller tivo un papel fundamental durante a guerra civil, algo que nunca foi recoñecido. Kiko estivo catro anos e dous meses como guerrilleiro antes de marchar cara a Francia; no ano 1947 foi condenado a morte pero conseguiu fuxir a París antes de que o atopasen. Esta viaxe non foi un traxecto fácil, viaxaban polas noites e ían armados por se había enfrontamentos.

Persoalmente pareceume unha charla moi interesante e inusual xa que poucas veces imos poder coñecer unha persoa que viviu experiencias na guerra civil en primeira persoa.
                                                                                                      
Yago Montenegro 
1º Bacharelato B

Charla Exparlamentarios - 3º ESO

O pasado xoves 25 de outubro tivo lugar un coloquio con exparlamentarios do Parlamento de Galicia.

O primeiro en contar a súa historia foi Ismael Rego, 26 anos deputado polo PSOE e tamén antigo portavoz do grupo parlamentario. A continuación, falounos Sergio López, que foi  3 anos deputado polo PP durante 2 lexislaturas e que actualmente traballa no sector privado en Burela, nunha empresa relacionada co peixe. Por último, falounos Alberte R. Feixoo, que estivo 16 anos como deputado do BNG e agora volveu á súa profesión de avogado.

Sergio López foi o que menos tempo estivo no Parlamento xa que substituíu a outra persoa. Despois de 3 anos deixouno para ir traballar a unha empresa privada. Contounos que cando  se incorporou ao Parlamento, como foi o último en chegar,  tivo que sentar na parte de atrás, xa que era novo nese mundo. Co paso do tempo foi adquirindo máis experiencia, pero no ano 2003 deixou o Parlamento para comezar a traballar no ámbito privado. Para el, foi a experiencia máis enriquecedora da súa vida. Segundo nos dixo el, no Parlamento discútense os temas que repercuten no noso día a día e, para el, iso é o máis bonito da política.

A continuación, Ismael Rego falounos sobre a institución parlamentaria. Segundo el, a política é moi importante para a cidadanía e o Parlamento é unha institución que está acadando cada día máis viveza. Tamén nos dixo que Galicia durante os últimos 45 anos sufriu un gran mellora grazas ao Parlamento galego.

Por último, interveu Alberte R. Feixoo. Contounos que para chegar a estar dando esta charla de política, tivo que pasar primeiro polo instituto e estudar coma nós; animounos a traballar duro para, no futuro, poder estar no seu lugar. Díxonos tamén que, na actualidade, a xente non lle dá moita importancia á política pero deberíase interesar máis por ela xa que grazas a todo o que se aproba no Parlamento podemos gozar de moitos servizos sociais, hospitais, colexios, etc.

Manuel Pumares
3º ESO  A

10.12.18

Exposición Postal de Nadal 1º ESO

Xa está exposta a mostra de Postais de Nadal nas escaleiras do pavillón central, resultado do traballo feito en clase de plástica. Unha delas será a tarxeta oficial do centro para felicitar as festas. 
 
Ver reportaxe fotográfica aquí. 

7.12.18

Día da Sida - mesa informativa no Perdouro

Co propósito de conmemorar o día mundial da loita contra a Sida, cabe concienciar ao alumnado da importancia que ten a prevención. Maite Lanza Méndez, traballadora da Unidade de drogodependencia de Burela, repartíu o pasado venres, día 30, preservativos e folletos informativos entre o alumnado co fin de conter a propagación do VIH.
Ademais no recreo do luns dous voluntarios de Cruz Vermella instalaron unha mesa informativa no hall.

5.12.18

Charla Prevención Riscos Laborais para FP

Campaña de sensibilización Riscos Laborais para Formación Profesional do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) puxo en marcha unha campaña de sensibilización que se denominou ‘Coa prevención de riscos no traballo a vida espérate’, coa que pretende concienciar e sensibilizar a toda a sociedade en xeral sobre a importancia da prevención laboral.

O alumado dos Ciclos Medios de Mecanizado e de Instalacións en telecomunicacións e o de Formación Profesional Básica asistiu hoxe á charla formativa onde a relatora insistíu na finalidade de conciencialos non só da necesidade de reducir os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, e amosar as vantaxes da prevención como instrumento de mellora das condicións de traballo.

Axenda Cultural

📌 AXENDA CULTURAL


Para esta fin de semana tedes todas estas opcións que nos recompilou o alumnado de 2° ESO PMAR! 

#HaiMoitoQueFacerPolaMarinha
#AxendaCulturalMarinha 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...