11.12.18

Charla Exparlamentarios - 3º ESO

O pasado xoves 25 de outubro tivo lugar un coloquio con exparlamentarios do Parlamento de Galicia.

O primeiro en contar a súa historia foi Ismael Rego, 26 anos deputado polo PSOE e tamén antigo portavoz do grupo parlamentario. A continuación, falounos Sergio López, que foi  3 anos deputado polo PP durante 2 lexislaturas e que actualmente traballa no sector privado en Burela, nunha empresa relacionada co peixe. Por último, falounos Alberte R. Feixoo, que estivo 16 anos como deputado do BNG e agora volveu á súa profesión de avogado.

Sergio López foi o que menos tempo estivo no Parlamento xa que substituíu a outra persoa. Despois de 3 anos deixouno para ir traballar a unha empresa privada. Contounos que cando  se incorporou ao Parlamento, como foi o último en chegar,  tivo que sentar na parte de atrás, xa que era novo nese mundo. Co paso do tempo foi adquirindo máis experiencia, pero no ano 2003 deixou o Parlamento para comezar a traballar no ámbito privado. Para el, foi a experiencia máis enriquecedora da súa vida. Segundo nos dixo el, no Parlamento discútense os temas que repercuten no noso día a día e, para el, iso é o máis bonito da política.

A continuación, Ismael Rego falounos sobre a institución parlamentaria. Segundo el, a política é moi importante para a cidadanía e o Parlamento é unha institución que está acadando cada día máis viveza. Tamén nos dixo que Galicia durante os últimos 45 anos sufriu un gran mellora grazas ao Parlamento galego.

Por último, interveu Alberte R. Feixoo. Contounos que para chegar a estar dando esta charla de política, tivo que pasar primeiro polo instituto e estudar coma nós; animounos a traballar duro para, no futuro, poder estar no seu lugar. Díxonos tamén que, na actualidade, a xente non lle dá moita importancia á política pero deberíase interesar máis por ela xa que grazas a todo o que se aproba no Parlamento podemos gozar de moitos servizos sociais, hospitais, colexios, etc.

Manuel Pumares
3º ESO  A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...