11.12.18

Carreira Solidaria para acabar coa leucemia infantil

Algúns alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato xuntámonos por unha boa causa: acabar coa leucemia infantil grazas á investigación. Unímonos ao proxecto “La Vuelta al Cole” da fundación “Uno entre cien mil”. Esta iniciativa consiste en que o alumnado corra aportando un euro solidario que será investido nunha bolsa de investigación.

Todo empezou cando Benxa, o noso profesor de Educación Física, nos dixo que tiña pensado unha actividade para subir nota. Todo aquel que estivese interesado tiña que ir ao día seguinte á biblioteca durante o recreo. Alí explicounos en que consistía, as tarefas que tiñamos que facer etc. Ese mesmo día abrimos un novo grupo de WhatsApp para repartirnos o traballo e ir comentando todos os pasos que iamos dando cada un de nós.

O primeiro foi buscar o máximo número de patrocinadores posibles; ao cabo dunha semana xa tiñamos máis de mil euros recadados só de empresas da zona. Ademais, fixemos rifas para sortear unha caixa de peixe que nos doaron. O noso profesor quedou impresionado con todos os cartos que fomos capaces de xuntar.
Deseñamos o percorrido da carreira: unhas voltas no parque que está preto do instituto. Despois de saber exactamento todos os patrocinadores e o percorrido, fixemos o cartel e encargámonos de repartilo por todos os establecementos de Burela. Tamén difundimos información en todos os cursos do instituto e intentamos que aportaran o seu euro para a causa. Fixéronnos unha entrevista para El Progreso, publicaron unha noticia en La Voz de Galicia e falamos en Radio Burela para anunciar a carreira.
Como resultado de todo este laborioso traballo, acadamos arredor de dous mil cincocentos euros para doalos á fundación.
Cando todo estivo preparado para o gran día, os nervios estaban a flor de pel: sairía ben...?, dariamos organizado a tantos nenos e nenas…?
Despois de que todo pasou e botando unha ollada atrás, decatámonos de que vivimos unha preciosa experiencia que nos fixo sentir mellores persoas.

Accede ao albúm de fotos aquí.

Laura Pernas Pérez
1ª BACH-A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...