11.12.18

Memoria histórica

O mércores 17 de outubro os alumnos de 1º e 2º de BAC tivemos unha charla adicada en gran parte a experiencias sufridas durante a guerra civil española e que levaba por título  "Negación, testemuño e literatura. A guerrilla que nunca nos contaron". Este acto foi presentado polo profesor do centro Bernardo Penabade.

A charla comezou coa presentación do libro A raíña das velutinas, escrito por Lionel Rexes, e no cal aparece Xulio Rodríguez, un dos personaxes da obra que tamén estaba alí presente e que nos comentou que non pode concibir a ninguén que non aproveite a riqueza potencial da lectura. Tamén estaban presentes Fernanda, neta do guerrilleiro coñecido como o “Gardarríos”, fusilado cando ela tiña dous anos, e a filla de Kiko que explicou como foron algunhas experiencias fascistas vividas en Francia.


Por último, Kiko, un guerrilleiro que naceu no 1925, contounos experiencias persoais na guerra civil e deixounos algunha que outra frase curiosa como “os exiliados non escapaban da guerra, senón da morte”. El denomínase e descríbese como un gran rebelde e reivindica que a muller tivo un papel fundamental durante a guerra civil, algo que nunca foi recoñecido. Kiko estivo catro anos e dous meses como guerrilleiro antes de marchar cara a Francia; no ano 1947 foi condenado a morte pero conseguiu fuxir a París antes de que o atopasen. Esta viaxe non foi un traxecto fácil, viaxaban polas noites e ían armados por se había enfrontamentos.

Persoalmente pareceume unha charla moi interesante e inusual xa que poucas veces imos poder coñecer unha persoa que viviu experiencias na guerra civil en primeira persoa.
                                                                                                      
Yago Montenegro 
1º Bacharelato B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...