11.12.18

O Camiño de Santiago: do Cebreiro a Samos

    O martes 23 de outubro o alumnado de 3º da ESO fixemos unha viaxe na que visitamos diversos e interesantes lugares guiados polo profesor Antón Niñe.


    Primeiro fomos ao Mosteiro de Samos, ocupado actualmente por oito monxes.
 
  Trátase dunha abadía que foi fundada no século VI por San Martiño de Dumio. Foi moi importante durante a Idade Media. Chegou a posuír máis de duascentas vilas e cincocentos lugares.

    Xa en época máis recente, no ano 1951, sufriu un incendio debido a que un rapaz acendeu unha candea e, ao prender no licor que alí se fabricaba, comezou a arder.

    O claustro de maior tamaño denomínase claustro do Padre Feixóo, na honra dun monxe do século XVIII, personaxe moi importante da época. Cada lado deste claustro mide 54 m de longo, polo que é o maior de España. Tamén vimos o claustro das Nereidas, de estilo gótico, que é máis pequeno ca o anterior. Entre os dous claustros encontrábanse a mordomía e a botica, lugar onde se gardaban os medicamentos.

    Despois vimos a portada románica, que era a entrada da igrexa que había no mosteiro. Ten gravada unha cruz de soga, que non ten nin principio nin fin, coma o universo. Tamén ten arcos oxivais.

    Máis tarde, fixámonos na porta da biblioteca, concretamente nunha inscrición, que foi o que máis me chamou a atención. A frase, escrita en latín, di: “Un mosteiro sen biblioteca é coma un castelo sen armamento”.

    A continuación, subimos para ver onde se encontraban os dormitorios. Cada un tiña o nome dun personaxe da igrexa. Vimos a porta da que fora a cela onde se hospedou o escritor galego Ramón Cabanillas, que estivo no cuarto chamado “San Petrvs Ap.”

    Minutos despois, baixamos para ver a igrexa, que tamén fai de parroquia de Samos. Pero, antes encontrámonos cunha gran sancristía, que ten unha cúpula enorme e no centro unha mesa do século XVIII. Xa na igrexa, vimos o fermoso rosetón, que hai que mirar de dentro cara a fóra para saber o que nel está representado. Impresionounos moito a decoración deste lugar xa que estaba moi relacionada coa natureza.

    Despois, dirixímonos á Capela do Ciprés ou de San Salvador, que foi construída entre os séculos IX e X. Ten un arco de ferradura de arte mozárabe e un arco de medio punto na entrada.

    Máis tarde, fomos ao Cebreiro; alí estabamos a mil cen metros sobre o nivel do mar. Descubrimos que Elías Valiña Sampedro, que foi párroco na igrexa de Santa María do Cebreiro, foi quen pintou as frechas amarelas desde os Pireneos ata Santiago de Compostela.

    Despois, visitamos o albergue. Alí explicáronnos que había dous tipos de persoas que facían o Camiño de Santiago: os peregrinos e os camiñantes. Se queremos aloxarnos nel temos que levar os utensilios de cociña, xa que alí non hai. O albergue conta con catro grandes dormitorios que, en total, teñen cento catro camas.


    A continuación fixemos un pequeno percorrido do Camiño de Santiago e puidemos ver un punto quilométrico que indica os quilómetros que quedan para chegar a Compostela.

    Despois fomos merendar ás Termas e posteriormente collemos o autobús de volta a Burela.

    Accede a completa reportaxe fotográfica aquí.

María Valcárcel
3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...