11.2.20

Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia.


Hoxe é o Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia.

Unha selección de libros está exposta na biblioteca para visibilizar os logros femininos no eido científico e tecnolóxico.

Día da Muller e a Nena na Ciencia - Mulleres afroamericanas na ciencia

Desde a titoría de 3º de PMAR, e inspirándonos na película "Figuras ocultas", quixemos dedicar o día da muller e da nena na ciencia a Mary Jackson, Katherine Johnson e Dorothy Vaughan, tres científicas afroamericanas que na súa época sufriron a discriminación racial e de xénero, pero sen as cales a carreira espacial norteamericana non sería posible. Con este pequeno traballo esperamos facer visibles os seus grandes logros e contribuír a outorgarlles o prestixio que se merecen.
Ver a tres biografías realizadas aquí.

10.2.20

I Festival de Entroido do IES Perdouro 2020

Xa temos os horarios para o I Festival de Entroido do IES Perdouro. 
Será o venres 21 de febreiro de 12h20 a 14h. 
Haberá música en directo, desfile, festa e moita e finalmente entrega de premios!!!

Queremos en nome da organización dar a grazas a todas as tendas que colaboraron.

9.2.20

Semana dos Afectos Igualitarios


Os emisarios de Cupido estarán repartindo cartas o venres 14.
Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o destinatario/a.

4.2.20

Finais Campionatos San Xoán Bosco 2020

Os Campionatos de San Xoán Bosco, organizados pola A.C. “Os Matos”, é unha das actividades anuais do I.E.S. Perdouro. Durante o mes de xaneiro, o alumnado de 1º e 2º de ESO participou en diversas modalidades lúdicas e deportivas, que remataron na tarde do luns 3 de febreiro.


Os participantes puxeron ilusión e gañas nas distintas  modalidades que se ofertaban:
  •     Individuais:  4 en liña, Damas e Xadrez;
  •     Parellas: Construcción de Puzzles;
  •     Equipos: Baloncesto e fútbol sala.
As primeiras eliminatorias, e as finais individuais e de parellas, desenvolvéronse nas instalacións do centro durante os recreos. As finais de grupos disputáronse no pavillón polideportivo dos institutos o día 3 de febreiro pola tarde e foron arbitrados por Antón Niñe, presidente de honra da asociación, e polos alumnos de 3º de ESO  A, Raúl Fernández e Antón Expósito e demais compañeiros/as de clase que se encargaron da música, das fotografías e do contador.
Da organización e coordinación dos Campionatos nos recreos encargaronse os alumnos/as Alejandra, Cristian e Serxio na modalidade individual e Manuel na modalidade por equipos.

Os vencedores das distintas modalidades, que recibiron as súas correspondentes medallas, son:

XOGOS 1º POSTO 2º POSTO
4 en liña Laura Alonso Fernández 1º ESO A Noa Martínez Casas 2º ESO B
Damas Fabio de Barros Gomes 1º ESO B Iago Mon Fraga 2º ESO B
Xadrez Raúl Cayón Fernández 2º ESO A Alexandre García Pousa 1º ESO C
Puzzles Yorel Ladra Ballesteros & Lucas Fidalgo Mendes 2º ESO C Noelia Fernández Fernández & Zoe Arias Lamelas 1º ESO A
Baloncesto Equipo 2º ESO A Equipo 1º ESO C
Fútbol SalaEquipo 2º ESO C Equipo 1º ESO C

Felicitamos aos participantes e ao público polo bo ambiente creado nestes días! Moi boa afición!!

Accede à reportaxe fotográfica da entrega de premios aquí.

Conferencia "Series de televisión e mitos románticos" a cargo de Masanet

María José Masanet (Doutora en Comunicación Social e licenciada en Comunicación Audiovisual. Profesora da Universitat de Barcelona) impartirá unha conferencia sobre Series de televisión e mitos románticos destinada ao alumnado de 1º de Bach o vindeiro xoves 13 de febreiro.

3.2.20

Viaxe á Ópera e ao Arquivo Histórico da Coruña (23/01/2020)

Nesta ocasión o alumnado de 4º de música fomos á Coruña para poder acudir ao concerto didáctico “A Batalla”, da man de Lidia Botana (máis coñecida nas redes como “Bolboreta”), e os rapeiros canarios chamados Tazz Yeah e Zerpa; ambos coincidiron nas batallas dos MCs de Red Bull.

Chegamos con máis dunha hora de antelación e deixáronnos algún tempo libre. 

O concerto comezou ás 12:00h e iniciouse cos rapeiros entrando na sala vestidos cun hábito negro a ritmo de música de terror. Ningún deles pisara Galicia antes. O público fomos o xurado; había centros de sitios tales como Fisterra, A Pastoriza, Arteixo e A Coruña entre outros. 

O concerto dividiuse en cinco roldas:

Na primeira rolda, alguén do público, de maneira voluntaria, dicía unha palabra, que era apuntada nun encerado branco e tiñan que improvisar con ellas. As palabras que saíron foron: esperanza, esternocleidomastoideo, foca, pan e dominó. Esta rolda e todas as seguintes duraron dous minutos. Nesta ronda empataron.

Na segunda rolda, foron dous alumnos de centros diferentes sacar obxectos dunha caixa e con eles facían as súas rimas. O gañador foi Tazz Yeah.

Na terceira rolda, cambiouse o ritmo da música e improvisaban con temas como a amizade ou o valor da palabra. Nesta ronda houbo segunda parte. Empataron de novo.

Na cuarta rolda, o público ensinaba cousas que tiñan nas mans e improvisaban falando deses obxectos. Exemplos serían móbiles, zapatos, fundas de móviles, botellas de auga, entre outros. Empataron tamén nesta ocasión. Antes da quinta e última ronda, Zerpa explicou o que era o BeatBox (un xeito de facer música no que só se pode utilizar a boca). Mostrounos exemplos de temas moi coñecidos. Logo disto, apareceu Lidia Botana e púxose a tocar no piano a coñecida canción de “Still D.R.E” de Snoop Dog acompañada de Zerpa facendo BeatBox.

Na quinta rolda, saíron dúas rapazas e os rapeiros tiñan que defender a unha rapaza ante a outra. O que lles fixeron foi preguntas sobre o seu lugar de procedencia, a súa comida favorita,… e con iso facían as rimas. Na segunda parte desta rolda subiron dous profesores e fixeron o mesmo. 
Nesta rolda gañou Zerpa pero a batalla finalmente gañouna Tazz Yeah.

Para despedirse de nós, fixeron unhas rimas baseadas nos institutos e ao final deixáronnos sacar fotos con eles. 

O concerto rematou unha hora despois de que entráramos e saímos á 13.00h en dirección ao Arquivo do Reino de Galicia. 

Nada máis chegamos ao arquivo, puxéronnos unha presentación de diapostivas onde nos explicaron os contidos que podiamos atopar alí e para que servía ese arquivo. E servía para gardar documentos históricos ou relativamente recentes que son soporte de dereitos. 

Tiñan certos documentos antigos, coma un pergamiño medieval dun rei de Castela, un documento xudicial da Real Audiencia de Galicia (creada polos reis católicos), que era un tribunal moi importante da Galicia medieval e estivo asentada na Coruña e un documento máis recente que fala da rede de tranvías desa cidade. 

Podíanse atopar documentos gráficos (como debuxos, gravados, leiras, mapas) e fotográficos, que deben estar nunha cámara frigorífrica e están en papel, en negativo ou entre láminas de plástico orgánico. 

Antes de estar onde están agora, estaban moi mal tratados e desordenados, nunhas condicións pésimas. 

Despois desta presentación, subimos dous pisos para ver a sala Bernardo Hervella de Puga, onde nos atopamos cunha gran mesa con documentación en exposición.

Exemplos desta documentación poden ser os antigos mapas de Galicia, a Constitución de 1812, poemas manuscritos de Rosalía ou Curros, entre outros. 

Logo disto, ensináronos uns dos depósitos onde se gardan en carpetas, tubos e caixóns documentacións.
Estas salas están feitas con estanterías de metal e mecanísmos por se houbera unha inundación ou un incendio.

Estes documentos son extremadamente delicados, xa que son sensibles á tinta, ao medio, ao tempo, á temperatura, etc.

Un problema tamén poden ser as pragas, por iso cada pouco tempo chaman aos fumigadores para facer que non haxa insectos que coman o papel.

Logo, fomos ao laboratorio onde se restauran as obras e a restauradora, Águeda, ensinounos o seu traballo, o proceso do mesmo e os métodos de facer papel que tiñan antes.

O proceso para restaurar consiste no seguinte: 
- Métese o papel que hai que restaurar nunha tina onde se lava dúas veces durante 20 minutos para quitarlle o amarelo. A tinta ferrogálica non se borra coa auga, polo que non se dana.
- Utilízanse anacos de algodón, liño ou algodón tinguido para cubrir os buratos da folla.
- Métese nunha especie de fregadeiro onde se fai a mestura dos anteriores compoñenetes con auga. Esta mestura tapa os buratos.
- Métese nunha prensa con papel secante e esto fai que quede compacto e flexible.
Ao acabar a visita, déronnos unha postal dunha fotografía antiga.
Logo fomos xantar e despois dun pouco de tempo libre, marchamos para Burela.
Na miña opinión persoal, foi unha gran experiencia e, aínda que a batalla tivera a súa arte e o seu encanto, gustoume moito máis o Arquivo, xa que aprendín moitísimo máis e parÉceme un gran traballo o de poder ver tan de cerca mostras de algo tan antigo e con tanta información e historia.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Eva Fernández Riveira – 4º ESO B

31.1.20

Biografía destacada: Concepción Arenal

Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, xornalita, activista feminista e escritora (1820-1893)
Abride escolas e péchade cárceres!

 Temos unha pequena exposición sobre ela na biblioteca.

Artigos na prensa  

Recollemos de Cultura de Galicia esta biografía:

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, poeta, autora dramática e de zarzuela. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
Un elemento esencial para comprender tanto a súa vida como a súa obra constitúeo a súa proximidade ao ideario liberal e krausista.
Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.
Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo e foi inhumada no Cemiterio de Picacho. Os seus restos foron trasladados en 1912 ao cemiterio de Pereiró.
No seu epitafio o lema que a acompañou durante toda a súa vida: Á virtude, a unha vida, á ciencia.

30.1.20

Viaxe a Sargadelos e San Cibrao (17-01-2020)

A primeira parada na nosa viaxe foi en Sargadelos onde visitamos o antigo complexo industrial, o cal albergaba unha fábrica de siderurxia e outra de cerámica. Dúas fabricas máis, unha de productos téxtiles e outra de vidro completaban o proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, dono do complexo, aínda que estas últimas non chegaron a materializarse polo asasinato do seu dono. Ibáñez, nacido en Asturias, traballaba durante a súa mocidade na casa comercial Guimarán en Ribadeo. Ali comezou a forxar a súa fortuna investindo os cartos do amo en aceite, o cal tamén o levaría ó despido, por realizar este acto sen consentimento dos seus superiores. Durante os seguintes anos casou e seguiu aumentando o seu capital ata 1796 cando abriu a súa primerira fábrica, a siderúrxica, á que lle seguiría a de céramica uns anos despois.
Ibáñez elixiría Sargadelos polas materias primas que esta lle aportaba, como a madeira dos montes próximos. A proximidade dun río e a cercanía do mar eran outros dos factores de maior peso para a elección desta localización, xa que do río obtiñan a enerxía necesaria para mover a maquinaria e a proximidade ó mar facilitaba o trasporte ó resto de España. Ademais, tiñan man de obra gratis debido a que as persoas que vivían na zona eran obrigadas a traballar certos días á semana nas fábricas sen remuneración e a prestar as súas vacas e cabalos para o transporte dos materiais, feito que molestaba enormente á poboación e provocaba desconfianza e enfado cara ó dono das fábricas.
Na nosa visita puidemos ver parte das ruínas das fábricas, a extensión real que estas ocupaban, o río do cal obtiñan a enerxía e un museo, situado na casa que servía antigamente de oficina de administración, e diferentes pezas fabricadas neste complexo, maiormente louza fina feita con caolín.
A segunda e última parada na nosa visita foi San Cibrao, onde visitamos o antigo serradoiro e as fábricas de conserva. A serra e unha das instalacións de salazón atopábanse xuntas mentres que outra fábrica de salazón de maior tamaño se encontraba ao outro lado da península, preto dunha cetárea. O serradoiro contaba cunha serra de madeira a vapor para cortar a madeira para a construción de barcos e as fábricas de salazón estaban destinadas principalmente ás conservas de sardiñas. A que vimos por dentro contaba con grandes pías para salgar o peixe e cunhas prensas para sacarlles o aceite antes do seu envase en barrís de madeira para a súa posterior venda.
Ademais disto, tamén aprendemos sobre a historia desta vila dende antes da época romana, cando o castro situado nesta península posuía un dos portos máis importantes de Galicia que perdurou ata a Idade Media, cando pasou a ser un porto baleeiro que subministraba unha gran zona coa graxa das baleas. Esta graxa era moi importante porque se utilizaba para manter os candís acesos e ter iluminación .
Ao contrario do que moitos pensan, A Mariña ten moita historia e é unha zona que estivo habitada e que pola súa localización xeográfica posuíu moita relevancia. Entre os restos que se atoparon nas inmediacións da Atalaia de San Cibrao hai anacos de vasillas de barro que só puideron vir en época romana dende Italia ou Francia. Antes as autoestradas estaban no mar, xa que era moi dificultoso transportar mercadorías por terra.
En canto aos castrexos, desmentindo falsas crenzas sobre eles, vestían con tecidos e non con peles e tamén tiñan ferramentas que lles permitían loitar, cazar e pescar. É salientable a presenza na zona dun gran cuncheiro cos restos dos moluscos que comían.
Son sorprendentes os vestixios que aínda se atopan hoxe en día nesa área de San Cibrao. Aparecen as veces ósos de baleas que son desenterrados pola forza do mar e arrastrados ata as praias e mesmo se atoparon espiñas de pescada de exemplares de quince quilogramos.
Esta viaxe foi realmente enriquecedora xa que aprendín moito acerca da historia da miña zona e puiden apreciar lugares que antes só vía como ruínas. Agora véxoas dunha maneira distinta, ao coñecer o seu pasado.
Accede  à reportaxe fotográfica aquí.

Ana Neira Cociña - 4º ESO B

Charla sobre doazóns

O pasado martes 28 de xaneiro de 2020, os alumnos e alumnas de 4º da ESO así como o alumnado de Anatomía de 1º de BAC fomos a unha charla dada por Antonio Carcedo, un membro de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue). Nesta charla, que durou aproximadamente dúas horas, informáronnos sobre os compoñentes do sangue, os procesos de doazón de sangue e medula e os requisitos necesarios para poder ser doante. Explicáronnos tamén que agora contan con novas tecnoloxías que melloraron e impulsaron a doazón de sangue, como o incremento das unidades móbiles que se moven por todas as provincias de Galicia. Fixo especial fincapé na importancia de doar sangue e tamén médula, xa que moita xente ten medo a facelo, cando isto non é prexudicial para a saúde e pode salvar moitas vidas.
Pareceunos unha charla moi interesante e sobre todo necesaria para concienciar á xente de que a doazón é algo imprescindible. Aprendemos cousas novas que considero moi importantes para a nosa formación e tamén coñecemos como facer no caso de que decidamos facernos doante. 

Cecilia García López -1º Bacharelato
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...