31.3.23

Disección dun corazón

O martes 7 de marzo, os alumnos de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada, xunto cos profesores Fernando Losada, do Departamento de Bioloxía, e Sol Galdo, a nosa profesora de Anatomía, disecamos uns corazóns de cocho. Esta foi unha actividade complementaria dentro da unidade didáctica sobre o sistema cardiovascular, na cal estudamos o funcionamento do noso corazón e de todo o sistema circulatorio. 

Para a disección dividímonos en catro grupos de 4 ou 3 integrantes, para posteriormente distribuírnos o traballo (cortar, examinar, sacar fotos…). Primeiro identificamos as caras do corazón (anterior e posterior), as aurículas, os ventrículos e os vasos sanguíneos situados na parte superior do órgano. Logo, coa axuda dun bisturí, realizamos dous cortes paralelos ao tabique interauricular, para comezar coa observación interna. Así, puidemos distinguir as cavidades internas do corazón, as válvulas que as separan e comparar o grosor das súas paredes. Desta maneira, comprobamos como están comunicadas as distintas cavidades para comprender mellor o circuíto. Ademais, a maiores, tivemos a gran sorte de contar cun corazón de terneira, non tan semellante ao humano, pero realmente impresionante polo seu tamaño. 

Esta actividade resultou do máis didáctica e entretida e as sensación foron realmente boas. Serviunos para coñecer máis de cerca o funcionamento do noso corazón (pois o corazón de cocho é moi semellante ao dos humanos). Unha experiencia que moitos de nós sen dúbida repitiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ 

Nerea Francos, Ramón Real, Ivana López - 1º Bacharelato

29.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 20

Mércores de emocións: nova entrega.

Hoxe imos falar dos químicos da felicidade.
Hai catro produtos químicos naturais xerados polo noso corpo que adoitan definirse como o "cuarteto feliz”.
Este cuarteto está composto por:
1️⃣ As endorfinas
2️⃣ A serotonina
3️⃣ A dopamina
4️⃣ A oxitocina
💫 As endorfinas son consideradas a morfina do corpo, unha especie de analxésico natural. Inhiben a dor e, polo tanto, permítenos ter unha sensación de felicidade, creatividade ou mesmo euforia independentemente da realidade.
💫 A serotonina flúe cando te sentes importante; a sensación de soidade e ata a depresión son respostas químicas á súa ausencia. Xoga un papel importante na regulación da agresión e da ira, na resposta sexual e de pracer, no estado de ánimo optimista, así como na regulación do apetito.
💫 A dopamina descríbese a miúdo como a responsable de sentimentos como o amor e a luxuria, pero tamén se lle acusa de ser responsable das adiccións. Por iso se di que é a mediadora do pracer. Xoga un papel fundamental no desenvolvemento das redes neuronais e inflúe en funcións importantes como a atención e a memoria, polo que é crucial nos procesos de aprendizaxe e na resolución de problemas.
💫 A oxitocina é chamada frecuentemente "a hormona do abrazo". É moi coñecida pola súa intervención no embarazo e no parto; pero máis aló destes momentos, xoga un papel fundamental no desenvolvemento e mantemento dos vínculos en xeral, no coñecido sistema de apego.
Estes químicos naturais son producidos polo propio corpo.
👆deixamos un listado das actividades/hábitos que favorecen a aparición deles. Son actividades que todos podemos pór en práctica todos os días, e dese xeito, acadar máis momentos de felicidade e facer fronte ós malos momentos.

Mulleres en Alcoa

O xoves 9 de marzo de 2023 viñeron un grupo de mulleres que traballan en Alcoa falarnos do seu labor na fábrica.

Unha muller chamada Eva Fernández foi a que nos introduciu na charla. Estudou enxeñería e é a encargada dunha sección das que hai en Alcoa, incluído un laboratorio.

A continuación, fóronse presentando as distintas traballadoras:

Maribel encárgase dos recursos humanos de Alcoa. Contounos que neste traballo no que ela estaba non só había homes senón mulleres tamén. Ensinounos unha gráfica na que se podía ver perfectamente que en 2007 só había arredor de 25 mulleres traballando en Alcoa, pero que neste momento xa hai arredor dunhas 66 mulleres.

Vanesa, a primeira mecánica de Alúmina falounos de todos os estudos que fixo ata que comezou a traballar en Pescados Rubén. Despois empezou a traballar en Alcoa amañando bombas, revisando niveis de aceites etc... Ela estudou no IES Perdouro o Ciclo Medio de Mecanizado.

Lola, a encargada de optimizar os recursos, os procesos etc... Explicounos un pouco sobre os estudos que fixo ata chegar alí, sobre todo o Ciclo de Química Industrial.

Denise traballou un tempo en Pescanova e logo pasou xa directamente a traballar en Alcoa. O que ela fai é o cambio das secuencias das bombas. Tamén nos explicou a súa experiencia cos compañeiros de Alúmina. Dixo que a trataban como un compañeiro máis e iso é moi positivo porque se ve que en Alcoa non importa se son mulleres o homes.

Nerea estudou Administración pero iso non lle chamou a atención. Dixo que o dela non era estar sentada nunha oficina todo o día. Entón, fixo un ciclo de moldeamento de metales e polímeros en Xove. Cando acabou o ciclo, tiña que facer prácticas, pero concidiulle en época de Covid e ata abril de 2022 non puido empezar a Formación en Centros de Traballo e en xuño dese mesmo ano rematou o período de prácticas e empezou a traballar en Alcoa. Agora, está no departamento de fundición de aluminio. Funden o aluminio para que pase de líquido a sólido rapidamente.

E, por último, Belén, que estudou Química Industrial, comezou como becaria en 2007. Cando empezou a traballar en Alcoa dixo que só había 3 mulleres na zona de produción e de HS de seguridade. A maior parte do seu traballo é administrativo pero tamén hai partes de produción. 

En conclusión, que unha muller pode facer o mesmo traballo que un home. Só tes que querer facelo e querer intentalo. Dá igual os problemas que teñas polo camiño, inténtao e conseguiralo. Pase o que pase, sobre todo, non te rindas nunca. 

Podes ver as fotos AQUÍ.

Elisabeth Mendes Rubal - 4º ESO B

26.3.23

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

Para conmemorar o Día Mundial do Teatro, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!



25.3.23

Día dos autores europeos 27/03/2023

O luns 27 de marzo celébrase a 1ª edición do Día das Autoras e Autores Europeos.
A biblioteca do IES Perdouro acollerá a Antía Yáñez, autora burelá, que falará da súa obra ao alumnado de 4º de ESO.

É unha iniciativa da Comisión Europea, dirixida polo Comisario Gabriel, para promover a lectura entre a rapazada e dar a coñecer a riqueza cultural e lingüística europea.

#ReadWithEurope

24.3.23

Encontro con Antía Yáñez

Durante a cuarta sesión do venres 10 de marzo, tivemos un encontro literario coa escritora Antía Yáñez, a cal veu falarnos da súa novela Senlleiras. Publicada en 2018, non foi o primeiro libro desta escritora nada en Burela, pero si foi o primeiro dedicado á xuventude e, ao mesmo tempo, o máis lido. 

A autora falounos da súa etapa de estudante no noso instituto e de como aquí cursou o bacharelato tecnolóxico para poder, despois, facer a carreira de Enxeñaría de Camiños, aínda que de momento non a exerceu. 

Sempre lle gustou escribir e comezou a facelo presentándose a certames literarios a nivel autonómico e estatal. Posteriormente, falounos das motivacións que tivo para escribir o libro de Senlleiras. Comezou mencionándonos as visibles diferenzas entre xoguetes que a sociedade atribúe a nenos e nenas e a desigualdade que xa dende pequenos nos  inculcan. Xunto esas imaxes mostrounos outras de portadas de libros moi coñecidos e contounos as historias machistas escondidas entre as súas páxinas: o libro dos “Cinco” e a fraxilidade que se lle atribuía a unha das nenas e a masculinidade que se lle atribuía á outra; as novelas de “Jazmín”, que atopou un día na habitación da súa tía na casa dos avós e que todos clasificaban como literatura amorosa para mulleres; e, por último, falounos dos libros de Harry Potter, cuxa escritora J.K Rowling optou por asinar só coa súas iniciais para así poder ser lida tanto por nenos como por nenas sen prexuízos polo seu sexo.

A continuación, mostrounos titulares de noticias sobre asasinatos machistas e puidemos observar como os medios de comunicación intentaban quitarlles importancia aos asasinos e apoiarse nos actos feitos polas vítimas. Ao mesmo tempo vimos como, cando a asasina era unha muller, facíase máis fincapé na asasina que no propio asasinato. Falounos de como, anos atrás, este tipo de asasinatos eran nomeados como “parricidios”, que son os asasinatos entre membros dunha mesma familia. 

Para finalizar, falamos máis detalladamente do libro, os seus espazos e personaxes. Mostrounos imaxes dos lugares máis coñecidos da novela e como se atopaban a principios de século XX e agora. Tamén nos mostrou imaxes dalgúns personaxes reais, como a familia de Bernabé (na realidade composta só por dous fillos pero Antía decidiu inventar o terceiro, que sería Bernabé, para evitar conflitos coa família e o libro). Para o personaxe de Alda inspirouse nunha influencer inglesa, a cal tamén subiu ás redes unha fotografía cunha man pantasma na bañeira da súa casa; esta muller inglesa foi atopada tempo despois morta na súa casa e aínda hoxe non se sabe a razón da súa morte. 

Como punto final deste encontro, Antía Yáñez asinounos os libros de Senlleiras que traíamos cunhas bonitas e conmovedoras dedicatorias. 

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Gudín González - 1º BAC C

22.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 19

O post de hoxe trata sobre as habilidades de vida e benestar, e dentro disto, da importancia de ter obxectivos (ou soños).
Coñeces a Adrian Ben ?
@adryben44 é un rapaz de Viveiro que dende pequeno destacou polas súas condicións físicas. De neno gañou diferentes títulos a nivel provincial e autonómico en campo a través e atletismo en pista. Comezou a competir como alumno do seu colexio ata que aos 13 anos entrou no Club Atletismo Lucus de Lugo onde militou durante catro anos ata que marchou para Madrid.
O apoio e sacrificio da súa familia foi vital na carreira de Adrián. Viveiro non contaba con pista de atletismo, polo que comezou a adestrar no paseo marítimo da vila.
Para que adestrase axeitadamente, e sobre todo como consecuencia do seu traslado ao Lucus, os seus pais alternábanse levándoo a Lugo varios días ao mes.
Hoxe Adrián é campión de Europa  en 800 metros en pista cuberta; ademais  logrou o  5º posto na final de 800 metros dos Xogos Olímpicos de Tokio.

Cales pensas que son as razóns que o levaron a acadar eses éxitos?
Lóxicamente as razóns son moitas: traballo, esforzo, disciplina, ilusión, optimismo, resiliencia, rodearse de persoas que axuden a brillar…
Pero o post de hoxe ten que ver cunha razón tan importante como as nomeadas enriba.
Adrián é un rapaz que ten obxectivos, mellor dito: ten SOÑOS, e cando te permites soñar estás moito más cerca de lograr o que queres, é sobre todo, moito máis lonxe de que os demais decidan a túa vida.
Se repasamos as declaracións de Adrián trala súa vitoria en Estambul chama a atención como fala de "soños”, non só de obxectivos:

  • "Soñaba con gañar unha medalla nun gran campionato"
    "As bágoas despois da final foron por ter sido quen de cumprir un soño"
  • "Levo un título, teño o 20% do traballo feito"
  • "Teño un ouro, un 20%; Quedan catro Grand Slams"

Adrián ten moi claro o que quere lograr e vai trazando o seu camiño de acordo co que soñou. Seguro que ó longo da súa vida oiría persoas que lle dirían “non o vas lograr”, “chegar as Olimpíadas é imposible”, “como vai chegar un rapaz de Viveiro a ser profesional do atletismo?”… Pero el tiña un soño... e por iso está máis preto de alcanzalo.

E vos, que soños tedes?
Colle un papel, escribe nel os teus soños, e dende este momento orienta a túa vida para alcanzalos deses xeito percorrerás o camiño que ti elixas, e pode ser que ao final logres “a túa medalla” como lle ocorreu a Adrián.

21.3.23

Rosalía na lingua de Molière

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, o alumnado de Francés de 1º de Bac fixo un traballo de tradución do poema "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros" e adaptouno ao francés. Logo fixeron esta pequena montaxe para celebrar hoxe o día da poesía. 


Día da Poesía 2023: Videopoemas de Noriega e Cabanillas

Con motivo da celebración do Día da Poesía o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Literatura galega do século XX e XXI preparou algúns videopoemas de dous dos autores que inauguran o século XX: Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas. 

Escoitar ou ler poesía fai que experimentemos emocións por tratarse dun xénero literario no que fundamentalmente se expresan sentimentos. Convidámosvos a ver e escoitar cada un destes videopoemas e deixar que afloren as vosas emocións. 

 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...