Mostrar mensagens com a etiqueta Concello de Burela. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Concello de Burela. Mostrar todas as mensagens

21.10.26

Novas masculinidades

 

O xoves 24 de outubro, todo o alumnado de 2º da ESO participou na biblioteca nun obradoiro sobre o machismo, os estereotipos de xénero e os costumes tradicionais que levaba por nome Novas masculinidades. A actividade foi impartida por Jorge Martínez. 

Na primeira parte proxectáronnos un vídeo no que un neno bailaba coas demais nenas. Cando o seu pai o viu, púxose furioso e levouno para a casa. Alí castigouno e díxolle que esas cousas eran de nenas e que os homes só debían xogar ou practicar deportes como o fútbol ou o baloncesto. Este exemplo serviunos para reflexionar sobre os prexuízos que existen arredor do que se considera propio dos nenos e das nenas. 

Na segunda parte faláronnos da situación das mulleres noutras épocas, cando non tiñan os mesmos dereitos ca os homes. Tamén explicaron que, tradicionalmente, se esperaba que os homes non chorasen, non pedisen axuda e non amosasen os seus sentimentos, entre outras cousas. Ademais, comentaron que estes estereotipos tamén poden estar influenciados polas redes sociais. 

Outro dos temas que tratamos foi o prezo de ser considerado un «tío duro»: non pedir axuda, non amosar debilidade, non deixar que ninguén che dea ordes, ligar moito, etc. Reflexionamos sobre como perdemos liberdade cando sentimos que temos que demostrar constantemente que somos «homes de verdade». 

Por último, aclararon unha idea moi importante: non hai unha única forma de ser home. 

Este obradoiro axudounos a comprender que os estereotipos de xénero limitan a nosa liberdade e que todas as persoas debemos poder expresarnos e comportarnos como realmente somos, sen medo a ser xulgadas polo que se considera propio dun home ou dunha muller. 

 Eric Paniagua Palomino 2º ESO A

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...