O IES Perdouro é merecedor do segundo premio de Generación ECO de Galicia, tras responder aos nove retos que a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio colgou na súa páxina web. Segundo os seus datos, o IES Perdouro é un 74,46 % eficiente, fomos quen de evitar a emisión de 7529,16 Kg de CO2 e aforramos 2629,91 litros de auga, o que permitiu ese segundo posto con 395 puntos. Este premio foi posible grazas á implicación de todo o instituto, xa que os diferentes Departamentos e o alumnado de ESO, Bach, FP Básica e Ciclos puxeron o seu gran de area de moi diversas maneiras:
• O noso alumnado de 4º ESO fixo murais con materiais reciclados para concienciar sobre a crecente ameaza dos microplásticos.
• Demos instrucións ao alumnado para evitar o emprego de materias que xeren microplásticos para a celebración do Samaín.
• Realizamos diversas gravacións de audios co alumnado de 4º ESO e 2º Bach para o programa Proxecto Neo (de Radio Burela); unha delas, por exemplo, foron as propostas medioambientais para os gobernos local, autonómico e estatal.
• Estas propostas continuaron coa posterior visita ao noso centro de Alfredo Llano, Alcalde de Burela, ao que o noso alumnado de 3º ESO solicitou a creación dun carril-bici.
• Colaboramos como centro educativo na recollida de roupa e xoguetes para os nenos e nenas de Cabo Verde.
• O alumnado de FPBásica de Fabricación e Montaxe e o Ciclo Medio de Mecanizado deseñaron unha Árbore do Nadal, que foi cuberta con adornos feitos polo alumnado de 2º ESO de Relixión, 3º ESO de Matemáticas, 4º ESO de EPeV e 4º ESO de Tecnoloxía; e meses despois, démoslle un novo uso, como Árbore da Diversidade no Día Mundial contra a LGTBIfobia.
• Organizamos un Concurso de Decoración das portas do Nadal (con materiais reciclables), outro de Aulas Limpas.
• Participamos no Concurso Pilabot, no que recollimos arredor de media tonelada de pilas. Tamén no certame artístico #EuSonPilabot, con moi bo resultado.
• Xa aparecemos como punto de recollida de material de escritura usado.
• A Oficina de Medio Ambiente da UDC realizou co noso alumnado de 1º ESO un Obradoiro de Compostaxe, e co de 1º Bach, unha Auditoría Ambiental dos residuos do noso centro.
• O alumnado de FPBásica elaborou etiquetas que permiten identificar que restos van nos distintos colectores para as súas casas.
• Potenciamos a diminución do emprego dos coches, e animamos ao emprego de bicicletas ou mesmo a camiñar para vir ao instituto, a toda a comunidade educativa. Nunha das iniciativas, o alumnado de FPBásica de Administrativo dunhas fichas para compartir coche de xeito gratuito.
• Implicamos ao noso alumnado de diferentes cursos para a medición de parámetros do noso acuario (pH, nitratos, fosfatos), para medir a calidade da auga.
• O alumnado de 1º ESO elaborou unha guía de receitas de aproveitamento culinario para reducir os residuos.
• O alumnado de 2º PMAR realizou un lapbook de 7 árbores do noso patio, para describir a súa evolución ao longo do ano. Paralelamente, o de 4º ESO realizou un álbum botánico dalgunhas das plantas do instituto.
• Para traballo sobre o vídeo de QuantumFracture sobre o Compromiso2030, tivemos a participación de alumnado de 4º ESO e 3º PMAR.
• Pasamos enquisas sobre diversos parámetros medioambientais.
• Finalmente, o inicio dunha horta escolar, que foi aproveitado de diversas formas:
◦ As plantas aromáticas foron aproveitadas no Ciclo de Peiteado e Cosmética Capilar; e polo alumnado de 2º PMAR, que fixeron un glosario.
◦ O Departamento de Mecanizado instalou un depósito conectado ao canalón máis próximo á nosa horta, para aproveitar o auga da chuvia.
O premio que gañamos consiste precisamente en materiais para un horto educativo (mesas de cultivo de madeira tratada. substrato ecolóxico, regadeiras, palas, xogo de ferramentas, canas de bambú, anciño, sementes, compostadora e aireador de compost). Non temos dúbida de que esta mellora do horto servirá para poñer en práctica nos vindeiros cursos moitos outros proxectos educativos.
Finalmente, queremos enviar dúas felicitacións:
• Primeiro, á TODA a nosa comunidade educativa, pola participación como equipo para a consecución destes retos, dos que nos estivo informando a nosa profesora de Bioloxía e Xeoloxía Charo Fernández.
• Segundo, a todos os centros educativos participantes, non só aos outros gañadores galegos, o do primeiro premio, o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria); e o do terceiro, o CPI Arquitecto Palacios (Nigrán), senón a todos os centros participantes nos concursos de Galicia, Andalucía e a Comunidade de Madrid, porque estes retos contribúen a crear nas futuras xeracións unha conciencia ecolóxica máis que necesaria.
Deixamos aquí a ligazón aos nosos 9 retos:
Podes acceder a algunhas das fotos
AQUÍ.
Sem comentários:
Enviar um comentário