25.10.22

Visitas empresariais de 2º CS Administración e Finanzas

O 5 e 6 de outubro o alumnado de 2º CS de Administración e Finanzas visitou a empresa Jim Sports situada en Palas de Rei e adicada a comercialización de produtos deportivos e a creación de instalacións deportivas e a feira internacional de produtos de mar conxelados (CONXEMAR). As súas reflexións sobre o visto e aprendido foron estas: 

“Como conclusión diría que todos levamos unha gran aprendizaxe nesta saída educativa. Puidemos ver como se xestiona realmente unha empresa e como se divide o traballo para que todo se leve a cabo. Nosoutros tiñamos unha pequena idea, pero ningún supoñía a magnitude de importancia que ten cada traballador en cada proceso, polo que as visitas resultaron un enriquecemento para as nosas mentes en canto aos estudos que estamos realizando. Deste xeito, visualizamos o porqué de cada cousa que estudamos”. (Lorena Regil) 

“A experiencia de coñecer a empresa Jim Sports agradoume porque aprendemos cal era a súa historia, o seu funcionamento, como estaban repartida as distintas zonas de traballo, como era a parte informática, administrativa e, sobre todo, a parte de loxistica. que era un gran almacén. Puidemos chegar a ver como facían o “picking” con dous sistemas. Un baseábase nun sistema tradicional e outro no automatizado, o cal era máis para producos un pouco máis pesados como futbolíns ou pesas”. (Pablo García)

“O primeiro que chama a atención ao chegar a Conxemar é a gran cantidade de xente de todo o mundo e tamén a gran seguridade que hai. Despois de entrar ao recinto, fomos visitando un gran número de postos. Moitos deixábannos probar os produtos que producía a súa empresa, ao mesmo tempo que che ían dando información e folletos publicitarios. Un dos que máis me chamou a atención foi un de Italia que ofrecía unha especie de fabada que en realidade eran mexillóns”. (Álvaro Álvarez) 

“O que máis me gustou de Jim Sports é que son moitas empresas agrupadas nunha e todas, ou case todas, son xestionadas dende unha única oficina. En Conxemar o que máis me chamou a atención foron as decoracións dos “stands” das empresas expositoras, un lugar idóneo para que as compañías que expoñen dean a coñecer as súas marcas e os seus produtos. Nunca antes estivera nunha exposición tan grande e tan importante. Ali vimos moitos prototipos de maquinaria, experimentamos moitos sabores diferentes e vimos xente facendo negocios”. (Flavio Varela)

“Persoalmente, creo que a mellor parte da visita a Jim Sports foi a parte do almacén e loxística, porque puiden ver de maneira moi gráfica as clases teóricas que demos sobre a xestión, vendas, compras, forma de almacenar… e outras moitas que demos sobre a xestión loxística. En Conxemar puidemos ver a importancia dos idiomas na actualidade, debido a que una empresa actualmente fai moitos negocios a nivel global, pero para min o más importante foi que puiden inspirarme, seleccionar ideas e observar diferentes aspectos importantes para o meu traballo de proxecto integrado, como por exemplo, como enfocalo a nivel comercial para chamar máis a atención e cousas similares”. (Wissal Aazzaoui)

Podes acceder ao álbum AQUÍ.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...