27.9.23

Presentación do libro "Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos"


O luns 25 de setembro ás 18:30h tivo lugar a presentación do libro de Antón Niñe Unha familia de escultores, Xosé Rivas e fillos. Este evento foi ademais un acto aberto ao público e de carácter inaugural despois da remodelación da nosa biblioteca. Nela reuníronse docentes e ex-docentes do IES Perdouro, do IES Monte Castelo, integrantes do programa de radio Proxecto Neo e representantes das confrarías da Semana Santa de Viveiro.

Antón Niñe foi presentado pola directora, Mª José Pardiñas, que tamén introduciu as restantes acompañantes na mesa: Karina Parga, presidenta da A. C. Os Matos e profesora do IES Perdouro, e Maribel Crecente, ex-docente do noso centro e encargada de redactar o limiar da obra que se presentaba.  

Nas súas explicacións, o autor do libro expuxo os datos máis relevantes da vida e da obra de Xosé Rivas, orixinario de Riotorto, e dos seus fillos. Este prolífico escultor e a súa familia teñen repartidas as súas esculturas pola Mariña, por distintos lugares de Galicia, de España, por varios países de Hispanoamérica e mesmo algunha das súas imaxes se atopa en Filadelfia (EEUU). 

O ambiente da xuntanza foi moi familiar e, para finalizar, como Antón tiña por costume a principio de curso, agasallounos con bombóns. A continuación, asinou exemplares dos seus libros para os presentes. 

Foi un acto entrañable. 

Podedes acceder ao resto de imaxes AQUÍ

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...