22.1.25

Visita ao Parlamento de Galicia e á catedral de Santiago de Compostela

O martes 17 de decembro o alumnado de Formación Profesional de Servizos Administrativos do IES Perdouro realizamos una saída cultural e educativa a Santiago de Compostela. Os estudantes que fomos á excursión saímos de Burela ás 8:30 no autobús acompañados dos profesores do departamento de Administración: Yolanda, Patricia, María, Javier e Denís. Chegamos á Intermodal de Santiago de Compostela ás 11:15 e fixemos unha breve parada para ir ao aseo e despexarnos da viaxe, que foi bastante longa. 

A primeira visita foi ao Parlamento, sobre as 12:00, onde fomos testemuñas dun grupo de persoas manifestándose no exterior. Alén diso, alí vimos a Xosé Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSOE. En primeiro lugar pasamos un control e logo accedemos por unhas escaleiras; na parte superior estaba agardando por nós un guía para comezar a visita. 

O primeiro que nos ensinou foi a sala dos Reis, onde se fan a maioría dos actos, como por exemplo os actos de xura de cargo e outras moitas reunións; nesta sala había fotografías dos reis actuais e dos anteriores, así como imaxes dos antigos presidentes do Parlamento. 

Saímos desta sala e fomos á entrada principal ver as obras de arte que conservan alí e a continuación deixáronnos ver un anaco da sesión. Tivemos a oportunidade de asistir a un pleno sobre orzamentos que dera comezo unhas horas antes e escoitamos falar a Ana Pontón (BNG) e logo a Paula Prado (PP). Despois diso xa saímos para que nos dese tempo a ver todo e non alongar moito a visita. Fomos á biblioteca na que había máis de 5000 libros dos cales uns 2000 eran libros sobre dereito. 

Cando saímos da biblioteca seguimos coa visita, leváronnos a unha sala grande e puxéronnos un vídeo informativo sobre o funcionamento do Parlamento e a súa composición. Unha vez rematado o vídeo explicativo entrou na sala Alfonso Villares, Conselleiro do Mar, que veu visitarnos xa que el nos seus tempos mozos estudou no instituto veciño ao noso, no IES Monte Castelo. Despois diso, demos por rematada a visita ao Parlamento e regresamos ao autobús. 

A parte lúdica foi cando nos diriximos ó centro comercial As Cancelas sobre as 14:00 h da tarde, onde nos deixaron tempo libre para xantar, pasear ou mercar o que quixésemos. Polas 15:30 xa estabamos todos subindo no bus para dirixirnos á Catedral de Santiago. 

Ao chegar entramos polo Palacio de Xelmírez e alí dividímonos en dous grupos dunhas 20 persoas, cada grupo cunha guía e uns mp3 para escoitar mellor. Subimos as escaleiras que nos levaban ás terrazas e gozamos das vistas desde arriba ata que empezou a chover e tivemos que marchar. Desde alí seguimos coa visita sen nos importar ternos mollado. Vimos o altar maior, demos unha aperta ao apóstolo Santiago e visitamos tamén a capela do Horto dos Olivos, onde os estudantes adoitan ir rezar antes dos exames. Despois diso emprendemos a viaxe de volta a Burela. 

Foi unha excursión entretida e non notamos nada de negatividade en todo o día, iso fixo que fose unha saída moi amena e tranquila. O alumnado en xeral, polo que nos dixeron, tivemos un bo comportamento e participamos en todo con moito interese. En conclusión, foi unha excursión tranquila pero divertida, na que todos o pasamos ben e aprendemos moito. Pasamos moi bo día! 

Podedes ver algunha das imaxes da viaxe AQUÍ.

Karen da Costa Pérez e Lara Baltar Fernández  - 1º CB Servizos Administrativos

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...