O pasado 14 de xaneiro, o alumnado do segundo curso do ciclo medio de “Xestión Administrativa” e 1º e 2º curso do ciclo superior de “Administración e Finanzas” visitamos a sede da empresa GADISA situada en Betanzos (A Coruña); actividade organizada desde a Aula de Emprendemento do noso instituto.
Trala viaxe de hora e media desde Burela, chegamos ao noso destino, onde fomos recibidos pola responsable de marketing de GADISA, quen nos conduciu a unha sala de reunións na cal nos explicou todo o referente á empresa.
Así, soubemos que GADISA é unha sociedade anónima cuxa actividade principal é a distribución ao por maior e en supermercados. Con capital 100 % nacional, está composta por sete liñas de negocio. Ademais é líder de distribución no noroeste de España por facturación e chega ao consumidor a través dunha rede de 479 establecementos de venta de produtos frescos e envasados das mellores marcas.
A continuación, visitamos o almacén onde nos explicaron que para GADISA a calidade dos produtos é primordial, por iso, o seu sistema loxístico está deseñado para garantir que os produtos frescos cheguen ao consumidor diariamente conservando a mesma calidade da orixe.
Contan con dous centros loxísticos, dúas plataformas loxísticas de compra e distribución de pescado, un centro de redistribución de pescado e máis de 230 vehículos propios para servir a calquera cliente alí onde estea: núcleos urbanos, zonas rurais, comedores, comercios, etc. Así mesmo, dispoñen dun sistema de xestión por radiofrecuencia, o cal permite un óptimo aproveitamento dos recursos.
Unha vez rematada a visita a GADISA, fomos ata A Coruña para xantar no centro comercial Marineda City e, posteriormente, regresamos a Burela, tras unha xornada moi proveitosa, na cal adquirimos moitos coñecementos.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Alumnado do 2º curso do ciclo medio de “Xestión Administrativa”.
Sem comentários:
Enviar um comentário