INTERCAMBIO EN BURELA
O 5 de maio do 2026, os nosos compañeiros e compañeiras do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces chegaron ao noso instituo e foron recibidos na biblioteca. Logo diso, aí ás 11:30h, baixamos todos xuntos ata o porto de Burela, un lugar moi especial e importante da nosa vila.
Dividímonos en varios grupos e visitamos algunhas zonas como a Moncloa, o barco-museo e contamos con algunha charla como a dunha redeira que nos explicou en que consiste o seu traballo. Tamén escoitamos a algúns mariñeiros xa retirados.
Antes de finalizar a visita comemos todos xuntos na praza, xogamos, socializamos e levamos moi bos recordos.
Alba Doñate Trigo – 2º ESO D
INTERCAMBIO EN GRES - VILA DE CRUCES
Nós, o alumnado de 2º da ESO, tivemos unha excursión a unha preciosa aldea chea de cultura e historia chamada Gres, en Vila de Cruces. Os alumnos do instituto da vila mencionada antes e nós fixemos un intercambio. O martes 5 de maio viñeron os alumnos de Vila de Cruces a ver e aprender sobre Burela e o luns 11, fomos nós.
Comezamos o día indo en bus durante 3 horas para chegar ao noso destino. Ao chegar, xuntámonos co alumnado de Vila de Cruces, que acto seguido, realizou unha representación do Entroido do Ulla, vestidos de xenerais e dedicándonos unha coplas. A continuación dividíronnos en tres grupos. Cada grupo fomos a unha actividade diferente e despois rotabamos.
Na primeira actividade ensináronnos a casa de Neira Vila e contáronnos máis sobre a súa vida e obra. Na segunda, asistimos a un obradoiro de regueifa con Séchu, profesor do instituto anfitrión. A última actividade consistía en dar un paseo pola aldea para ensinarnos lugares como a casa onde foi á escola, a serra na que traballou... mentres que as rapazas e rapaces de Vila de Cruces nos ían cantando coplas para explicarnos datos sobre a vida do autor.
Ao rematar estas tres actividades xuntámonos para ir ao cemiterio ver a tumba de Xosé Neira Vilas e da súa muller, Anisia Miranda.
Despois disto, fomos todos xuntos ata as illas de Gres para comer o xantar, descansar e ter un pouco de tempo libre. Nesa horiña aproximada que tivemos para xogar, exploramos as Illas, a aldea e xogamos cos nosos novos amigos.
A nosa última actividade, antes de marchar para Burela, foi escoitar a historia sobre a batalla de Ponte Ledesma. Esta ocorreu na ponte que une Gres con Ledesma, situada sobre o río Ulla. Nesta ponte enfrontáronse galegos e franceses, vencendo esta batalla os galegos.
Finalmente, despedímonos dos nosos amigos e os de Burela emprendemos a viaxe de volta á nosa vila cansos, pero contentos das experiencias vividas e das novas historias e nova xente que coñecemos. Foi unha experiencia moi divertida que nos fixo aprender de cultura e historia de Galicia. E o máis importante: fixemos novos amigos que nunca esqueceremos.
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Carla Mallada Abuín – 2º ESO A

Sem comentários:
Enviar um comentário