29.10.26

Visita ao CETEEC e á DOMUS do alumnado de 1º de BAC

 

O pasado xoves 15 de outubro o Alumnado de 1 de Bacharelato de Ciencias viaxamos ata A Coruña para realizar unha actividade na Domus sobre a PCR e visitamos tamén o Centro de Investigación Tecnolóxica de Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), situado no campus de Elviña, acompañados polo profesor de bioloxía Fernando e o de Tecnoloxía Santiago.

Despois de 2 horas de bus chegamos á Domus, o primero que fixemos foi subir ao taller e poñer unha bata coa que nos sentimos como verdadeiros científicos. Despois unha muller moi amable e simpática (Margot) comezou a explicarnos os instrumentos que iamos utilizar. O que primero fixemos foi practicar coa pipeta e auga xa que tiñamos que utilizar cantidades moi pequenas e necesitabamos práctica. 

Xa ben equipados, cos instrumentos ben identificados e coa práctica realizada puidemos dar comezo á actividade. A instrutora comezou a contarnos unha historia para entender de onde se podía extraer o ADN que se utiliza nas PCR. A continuación comezou a verdadera práctica, empezamos a mesturar o ADN cos cebadores, os nucleótidos e a encima Polimerasa. Cando terminamos de mesturalo todo metímolo na máquina da PCR na que se someten as mostras a unha gran temperatura que provoca que o ADN se multiplique. 

Nese momento fixemos un descanso xa que o proceso de duplicación do ADN tarda aproximadamente 30 min e estivemos probando todas as actividades que proporciona a Domus. 

E por último, realizamos o proceso da electroforese que separa os fragmentos de ADN por tamaño e permite observalos baixo una luz ultravioleta en forma de bandas no xel.


Canto a visita ao CETEEC, a primeira zona que visitamos foi o Túnel de Vento. Alí explicáronnos como se utiliza esta instalación para estudar o comportamento do vento sobre diferentes estruturas. O funcionamento é o seguinte: o aire é impulsado por uns grandes ventiladores e percorre o interior do túnel a unha velocidade controlada. Desta maneira, pódense colocar modelos de edificios, pontes ou outras estruturas no seu interior e comprobar como lles afecta o vento. Así, os investigadores poden estudar aspectos como a estabilidade dunha construción ou a forza que exerce o aire sobre ela sen necesidade de poñer a proba directamente unha estrutura real. 

Despois leváronnos á Dársena de Portos e Costas, onde nos explicaron o seu funcionamento mentres nós estabamos dentro da propia instalación. A dársena estaba baleira de auga nese momento, pero no seu interior había unha gran cantidade de rochas colocadas de maneira que simulaban unha praia ou unha zona costeira. Esta instalación permite reproducir diferentes condicións do mar para estudar como afectan ás zonas costeiras. Nela pódense simular os efectos da marea, controlando o movemento da auga. Deste xeito, os investigadores poden realizar ensaios de diques e instalacións portuarias fronte á acción das ondas mariñas, comprobando como soportan a forza da auga e se o seu deseño é adecuado. Isto permite detectar posibles problemas e estudar diferentes solucións antes de construír estas estruturas na realidade. Aínda que durante a nosa visita a dársena estaba sen auga, resultou interesante poder estar dentro dela e observar o espazo preparado para realizar este tipo de experimentos. 

A seguinte instalación que visitamos foi o Laboratorio de Construción, unha instalación que nos sorprendeu tanto polas súas grandes dimensións como pola cantidade de maquinaria que alberga. Un dos detalles que máis nos chamou a atención foron uns buratos no chan, que estaban cubertos por placas metálicas. Estes buratos permiten colocar diferentes soportes e elementos de suxeición para realizar ensaios. Ademais, hai buratos similares presentes nunha das paredes, o que facilitaría a realización de probas en diferentes posicións. Tamén nos ensinaron unha das máquinas máis importantes do laboratorio, a prensa MTS. Esta utilízase para realizar ensaios sobre diferentes materiais e estruturas, aplicándolles forza para comprobar como responden ante ela. Deste xeito, pódese estudar canto peso ou forza é capaz de soportar un elemento antes de que se deforme ou deixe de comportarse correctamente. Aínda que nos explicaron o seu funcionamento, nese momento non puidemos ver unha demostración da máquina en funcionamento. A pesar diso, foi interesante coñecer as posibilidades que ofrece un equipo destas dimensións para investigar e comprobar a resistencia dos materiais utilizados na construción. 

Por último, visitamos o Laboratorio de Hidráulica, onde nos ensinaron o Modelo integral do ciclo urbano da auga da Coruña (MEDUSA) e a Plataforma Científica para Ensaios de Escorrentía Urbana. Primeiro explicáronnos o funcionamento do MEDUSA, un modelo que representa de maneira simplificada como se xestiona a auga na cidade da Coruña. O sistema comeza coa auga procedente dunha zona de captación, que pasa por un encoro e posteriormente por unha estación de tratamento de auga potable. Despois, a auga distribúese mediante unha rede de tubaxes cara a diferentes zonas da cidade. O modelo conta con numerosos sensores que permiten controlar aspectos como o caudal e o consumo. Finalmente, a auga chega ao sistema de depuración e pode volver circular polo modelo. Deste xeito, os investigadores poden probar diferentes situacións e comprobar como respondería a rede de abastecemento ante problemas como fugas ou cambios na demanda de auga. 

A continuación, vimos a Plataforma Científica para Ensaios de Escorrentía Urbana, que representa unha pequena zona urbana formada por rúas e sumidoiros. Esta instalación permite estudar o que sucede coa auga da choiva cando cae sobre unha cidade. Para iso, conta cun sistema capaz de producir choiva artificial con diferentes intensidades. A auga cae sobre a superficie, desprázase polas rúas seguindo a súa pendente e acaba chegando aos sumidoiros, polo que os investigadores poden observar como se comporta e como se evacúa. Ademais, ofrecéronnos a oportunidade de experimentar en primeira persoa o funcionamento deste sistema. Un pequeno grupo puido colocarse debaixo da choiva artificial cun paraugas, mentres se realizaba a demostración. Foi unha maneira curiosa e divertida de comprobar directamente como funciona a instalación e de vivir parte do experimento desde dentro. 

Con esta visita ao Laboratorio de Hidráulica rematamos o percorrido polo CITEEC, despois de coñecer diferentes instalacións e comprobar como a investigación permite estudar situacións que se producen na vida real antes de aplicalas a gran escala. 

Accede ao album de fotos aquí 

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...