28.2.19

Charla "E se a chave estivese en ti...?"

Leandro Fernández Macho acudiu o pasado 5 de febreiro ao IES Perdouro para darnos, ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato, unha conferencia que nos axudara a coñecernos mellor; para isto comezou explicándonos en que consistía o cerebro e como reacciona este ante distintas situacións.

O noso cerebro é capaz de prestar atención a un 100% só durante vinte e un minutos. Despois, a atención tende a decaer posto que este feito de estar concentrados gasta moita enerxía. Para estar atentos necesitamos movemento, toques de atención, intervir en accións ou conversas… e así activar a nosa mente.

O obxectivo principal do noso cerebro é sobrevivir e, por iso, a parte máis primitiva del é a que se encarga das funcións básicas da supervivencia (os latexos do corazón). Por outra banda, o cerebro emocional concédenos a capacidade de sentir e xestionar as emocións (dor, medo…)

As nosas experiencias están cheas de sentimentos e clasifícanse en experiencias de pracer ou de dor. As grandes forzas motivadoras das persoas son a busca do pracer e  evitar a dor. Neste contexto, o estrés é un mecanismo de defensa e de supervivencia que ocorre cando vivimos situacións de dor.

Para aprender da experiencia, o noso cerebro manexa dúas emocións: a ira e o medo. E o noso maior medo é á morte; isto é o que o noso cerebro quere evitar. Tamén temos medo a non ter o control dunha situación e isto maniféstase moi habitualmente: canto menos control temos máis se percibe que estamos cerca da morte e, entón, o noso cerebro recorre á súa parte máis primitiva na busca do control. Por último, outro gran medo que sentimos é o medo ao rexeitamento por parte das demais persoas.

Toda experiencia nova libera o noso estrés e a recompensa a este desafío produce pracer.

Accede aquí á algunhas fotos da conferencia impartida polo coach.
Paula Neira
1º Bacharelato

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...