O alumnado de 2º da ESO emprendemos viaxe á Coruña o pasado 9 de xaneiro. A nosa primeira parada foi no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, onde as actividades se dividiron en dúas partes: visita guiada por algunhas das salas do museo e un taller de meteoroloxía.
Na visita guiada vimos, en primeiro lugar, as partes dun avión. Ensináronnos un motor do aeronave, unha pequena parte dunha á e vimos tamén como sería a clase business deste avión. A cada momento fomos descubrindo os distintos tipos de materiais e sorprendentes datos sobre os avións. Despois dos coñecementos de aeronáutica, pasamos á “sala do século XX”. Nesta sala vimos diferentes obxectos das distintas décadas deste século.
Na parte do taller de meteoroloxía, tivemos unha pequena charla duns dez minutos aproximadamente. Primeiro, aprendemos o que eran os anticiclóns, ciclóns ou borrascas e as diferenzas entre eles. Tamén tivemos a oportunidade de facer un pequeno experimento. Para comezar necesitabamos unha caixa de cartón cun burato redondo nun dos lados da caixa. Esta funcionaría como unha especie de canón que derribaría uns vasos de plástico que tiñamos colocados a pouca distancia xusto enfronte da caixa. O que tivemos que facer foi darlle un golpe seco aos laterais da caixa para que deste xeito, ao exercer presión, o aire contido na caixa saíse disparado. Para poder ver o efecto botaron un pouco de fume dentro da caixa, e así puidemos observar que se creaba un vértice xusto cando o aire saía do noso canón.
Logo de rematar con iso, explicáronnos máis cousas novas, neste caso sobre as masas de aire. Aquí tamén vimos un exemplo cun recipiente que contiña auga. Atopabamos dúas masas de auga separadas por unha barreira no medio. Por un lado había auga de cor vermella que estaba fervendo e, polo outro, auga de cor azul que estaba moi fría. Ao separar a barreira todos observamos que a auga vermella quedaba enriba da auga azul, e que esta última ía cara abaixo. Este fenómeno foi un dos que nos explicaran anteriormente.
Despois de tantas actividades feitas, tocaba repoñer forzas, así que xantamos no propio comedor do museo. E, ao rematar, desprazámonos ata o centro comercial “Marineda City”.
Como chegamos con tempo, antes da actividade que nos quedaba por facer, puidemos dar unha volta polo centro comercial duns 30 minutos. Despois atopariámonos todos os compañeiros e compañeiras cos profesores para entrar na pista de xeo.
A actividade de patinar sobre xeo empezámola ás tres da tarde. Pasamos bastante tempo patinando, ou máis ben intentándoo, na gran pista de xeo. E cando xa pasara unha hora e pouco, tocaba despedirse dos patíns e o xeo para voltar cara a Burela.
Sen dúbida, unha moi boa viaxe, repleta de actividades.
Paula López Martínez, 2º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário