VISITA A LUGO: XINCANA HISTÓRICO-LITERARIA E CHARLA SOBRE PROTECCIÓN DA IDENTIDADE EN INTERNET
O venres 14 de febreiro, o alumnado de 1º ESO fomos a Lugo acompañados por Charo, Santiago, Mª José e Alicia. Saímos ás 10:15h.
Pola metade do camiño, en Rozas, tivemos que esperar a Mª José porque estaba cos de 4º ESO noutra visita e sobre as 13:00h chegamos a Lugo. Unha vez en Lugo, fixemos unha xincana. A actividade consistía en facer grupos de 3 ou 4 persoas da mesma clase para buscar as respostas a unhas preguntas polo centro da cidade. Unha das fichas trataba sobre escritores galegos (había que buscar estatuas ou inscricións con fragmentos da súa obra) e outra, propoñía buscar distintos elementos nas fachadas da catedral de Lugo. Na terceira ficha, tiñamos que marcar o percorrido nun mapa desde a parada do autobús ata a praza de Santa María.
Despois fomos comer ás Termas sobre as 14:30h e deixáronnos andar libres polas Termas, pero non podiamos andar sós, senón acompañados dun grupo.
Sobre as 15:30h, fomos a unha charla sobre protección da identidade en internet na Fundación Abanca. A charla simulou a vida cotiá dun mozo, escenificando ataques reais executados por persoal especializado e tiña como único obxectivo de facer das ferramentas dixitais unha contorna segura e positiva. Recibíronnos dous homes. Un era o relator e o outro, un hacker. No medio desa charla, vimos unha historia que lles aconteceu na realidade a dous xemelgos e tamén vimos un vídeo onde as persoas o sabían todo sobre os nenos dun colexio, porque conseguiran entrar nas súas contas. Dixéronnos que nunca tiñamos que poñer de contrasinal a nosa data de nacemento e que nunca debiamos ter o contrasinal gardado nos nosos móbiles e déronnos algúns consellos para crear contrasinais seguros.
Sobre as 19:00h chegamos a Burela.
Nos días seguintes, soubemos que un grupo de 1º ESO B fora o gañador da xincana. O agasallo sorpresa foi un chaveiro feito nunha impresora 3D, que servía para apoiar a tablet ou o móbil.
Foi unha experiencia inolvidable e gustaríame repetir a xincana noutras actividades.
Fábio de Barros Gomes e Carla Lavinia Martins Sanyang – 1º ESO B
Sem comentários:
Enviar um comentário