A discriminación das mulleres e a violencia de xénero, lonxe de seren un fenómeno novo, son un problema arraigado nas distintas sociedades desde hai moito tempo. Porén, o recoñecemento da discriminación sexista e da violencia de xénero como problema social así como a súa visibilización si que son recentes. Ata non hai moito, considerábanse unha cuestión circunscrita ao ámbito privado, sendo un tema silenciado e normalizado pola sociedade como parte das relacións entre homes e mulleres.
Desde o IES Perdouro cremos que resulta necesario impulsar accións dentro do ámbito educativo que permitan facer visible a violencia machista, de forma que os alumnos e alumnas se volvan conscientes da súa extrema gravidade e aprendan a construír formas de relación positivas, a través das cales mulleres e homes participen de igualdade de condicións en todos os ámbitos da vida. É por esta razón que no presente curso académico 2020/2021 decidimos participar no programa “Por 365 días de respecto e igualdade” do Plan Proxecta cun proxecto titulado “Contra a violencia de xénero, igualdade”. Para difundir as nosas accións, abrimos o Blog https://perdourorespectoeigualdade.blogspot.com/, onde poderedes ver todos os traballos feitos polos alumnos e alumnas. Esperamos que vos guste!
Sem comentários:
Enviar um comentário