8.2.23

Pílula sobre educación emocional: 14

Nova entrega dos mércores de Emocións: n°14
Cantas veces te sentaches a pensar en ti?, o que es…, o que fas ben…, o que lograches por ti mesma na vida…
Este mércores imos facelo debuxando “a nosa árbore”.
Colle unha folla de papel, ou unha cartolina e debuxa unha árbore. Ten que ter raíces, ramas e flores ou froitos.
Unha vez feito o debuxo da árbore complétao da seguinte maneira:
1. As raíces sempre sosteñen ás árbores, así que canto máis fortes sexan, mellor asentada estará e mellor poderá facer fronte aos fenómenos meteorolóxicos adversos que se dean ao longo da vida. E, por isto, nas raíces escribirás as virtudes que tes. Non uses frases, busca os termos adecuados. Douche algúns exemplos: reflexiv@, empátic@, paciente, voluntarios@, constante, etc…
2. Nas ramas recollerás todas esas actividades que fas ben (non as actividades que che gustan, senón as que se che dan realmente ben).  Se pensas que non hai nada que fagas ben pregunta ás persoas que te coñecen ben, elas poderán axudarche a descubrir todo iso que fas xenial. Pode ser dende cociñar, a escoitar, a redactar, debuxar, bailar, a organizar viaxes, etc.
3. Nos froitos ou flores recolle todos os logros acadados ata este momento, entendendo por logros aquilo que querías alcanzar e para o que te esforzaches, intentaches e lograches.
Unha vez debuxada a árbore pona nun lugar visible, tena presente e toma conciencia dela desa maneira; a medida que pase o tempo, cando descubras novas virtudes en ti ou outras cousas que fas ben, ou acades novos logros podes ir completando a túa árbore e desa forma poñer en valor todo o que forma parte de ti.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...