24.4.25

Participación en FP Innova 2025

Do 25 ata o 28 de marzo catro alumnos de 2º de Servizos Administrativos (Abraham, Christian, Elvis e Fabio) e dúas alumnas de 1º de CB de Servizos Administrativos (Esther e Idaira) fomos acompañados das nosas titoras (Patricia e Yolanda) a FP Innova a presentar a nosa empresa de peites chamada Peinouro Cosmética. Nesta feira de innovación explicamos e axudamos ás persoas a empaquetar os seus peites. Os produtos foron deseñados polo Departamento de Imaxe Persoal; a trituración dos plásticos cos que estaban feitos polos departamentos de Mecatrónica, Mecanizado e Fabricación aditiva; da comercialización encargámonos nós (Administración) e a decoración do noso posto na exposición foi obra dos departamentos de Electrónica e Fabricación aditiva. 

O día 25 collemos as cousas, que tiñamos preparadas no instituto metidas en caixas, e todos xuntos axudamos a colocalas no autobús. Despois de aproximadamente dúas horas e media de viaxe e con certo cansazo, chegamos a Santiago a deixar as maletas no hotel EXE e colocar todo o necesario para o día seguinte en FP Innova, na Cidade da Cultura. 

Unha vez tivemos xa todo preparado e ben colocado, fomos satisfacer as nosas ganas de comer a un bar/restaurante preto do noso hotel, chamado Larada SCO. No que quedaba de tarde e noite fomos visitar a fermosa cidade de Santiago de Compostela e fomos aprendendo cousas, como por exemplo, das estatuas das Marías, as dúas irmás máis famosas de Santiago que foran violadas e os seus irmáns foran todos asasinados. Elas eran moi coñecidas por pasear todos os días polo parque onde se atopan as esculturas. 

Por fin chegou a noite para poder cear polo centro da cidade. Desgraciadamente non ceamos moi ben e puidemos presenciar un problema administrativo. Ao día seguinte levantámonos cedo para poder almorzar no buffet do hotel, onde estivemos moi a gusto mentres nos preguntabamos se estabamos nerviosos. 

Xa en FP Innova, estivemos desde as 9:30 aproximadamente ata as 14:00 traballando en equipo e fomos tamén coñecendo un pouco os proxectos das demais persoas da FP de toda Galicia. Comemos no buffet do restaurante da Cidade da Cultura, onde vimos a Alfonso Rueda rodeado de cámaras e alí coñecemos a un grupo do Politécnico de Lugo. 

Despois da comida e deixándolles ás profesoras poder comer, a partir das 16:00h volvemos todos a poñernos mans á obra. Despois dun día un pouco esgotador e de moitas emocións e deixando ao lado as pequenas timideces, puidemos cear e descansar nas Cancelas, o coñecido centro comercial de Santiago.

Ao día seguinte volvemos á rutina, xa que tivemos que seguir traballando e coñecendo xente de toda Galicia. Aproveitamos tamén o noso tempo libre saíndo de dous en dous a ver a feira. A miña compañeira e eu iamos investigar que era o que podiamos facer ou probar de cada posto, podendo levar para o final do día moitas cousas novas para o hotel. Unha vez pasada a longa mañá e tarde, chegou a noite e fomos cear no mesmo bar/restaurante do primeiro día. 

O venres, cansos e tristes porque xa era o noso último día alí, aproveitamos a mañá e parte da tarde volvendo a visitar os postos e coñecendo os talleres con entrada para poder levar cousas de recordo. Ese día puidemos comer no buffet coas nosas titoras por primeira vez. Eu penso que foi o día no que mellor comida houbo. Tempo despois, ao xa acabar de comer, tivemos que recoller todo con maior autoestima e seguridade ca o primeiro día e cunha tristeza moi grande polo noso regreso á casa. Despedímonos das persoas coas que convivimos durante eses días e regresamos á casa cun sorriso moi grande no rostro, recordando os nosos inesquecibles momentos xuntos. 

Nunca olvidarei eses días, nos que todo era despreocupacións, sorrisos, amizades e confianza. Dou as grazas aos meus compañeiros deses días polos momentos de risas e que me deron confianza desde o primeiro día e tamén damos as grazas ás nosas titoras, porque sen elas, e sobre todo sen Patricia, esta experiencia non podería ser posible.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ

Idaira Fernández Fernández - 1º CB Servizos Administrativos

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...