22.10.25

KTORCE-18: Obradoiro para previr condutas infractoras

O pasado luns 6 de outubro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Básico de Servizos Administrativos participamos nun obradoiro de prevención de condutas infractoras denominado “Ktorce-18”. Este programa naceu no curso 2012-2013 froito da colaboración entre a Fundación Barrié e a Asociación ARELA, co obxectivo de achegar a lei do menor á comunidade educativa e previr condutas de risco na adolescencia. Ao longo destes anos participaron máis de 45000 persoas (alumnado, profesorado e familias) en preto de 1100 obradoiros, cun alto nivel de satisfacción. 

No noso caso, durante dúas sesións, grazas a Carlos, técnico da mencionada asociación, puidemos reflexionar sobre a responsabilidade penal a partir dos catorce anos e coñecer as consecuencias xurídicas de delitos frecuentes na adolescencia. Así mesmo, tamén soubemos que o programa se chama “Ktorce-18” porque a lei do menor afecta á mocidade entre os catorce e os dezaoito anos. 

Algunhas das principais condutas infractoras en España son: 

  • Roubo ou furto por problemas económicos, influencia do grupo, etc. 
  • Vandalismo (graffitis, danos á propiedade...) por rebeldía, aburrimento, busca de identidade... 
  • Agresións ou pelexas debidas á impulsividade, conflitos persoais... 
  • Acoso escolar ou ciberacoso, cuxas causas poden deberse a un uso indebido das redes sociais, falta de empatía, vinganza... 
  • Consumo ou tráfico de drogas, entre outras. 

A todas nosoutras, e cremos que ao alumnado en xeral, nos pareceu unha charla moi interesante e necesaria xa que se trata dunha lei descoñecida cuxo incumprimento pode carrexar consecuencias penais graves. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

 Ainara Couto, Lucía Franco, Ainhoa López, Yanira López, Esther Pérez e Valeria Vizoso - 2º curso do CB de Servizos Administrativos

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...