12.4.23

Charla de prevención de afogamentos

O martes 7 de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato recibimos unha formación de prevención de casos de afogamento no medio acuático. Esta actividade veunos dada da man de José Palacios, profesor honorario da UDC, presidente de ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor) e creador e coordinador de GIAPS (Grupo Internacional de Actividades de Prevención e Socorrismo). Baixo o título de “Prevención: una inversión para la vida”, José Palacios concienciounos da importancia de previr por encima de actuar e do risco ao que nos enfrontamos se carecemos dunha formación básica á hora de realizar actividades no medio acuático. 

En primeiro lugar, J. Palacios sorprendeunos coas abraiantes cifras de mortes por afogamento, pois esta é a terceira causa de morte por traumatismo non intencional. A OMS recolle unhas 360.000 mortes por ano, mentres que os expertos indican que hai sobre 1.800.000, xa que eles tamén teñen en conta as inundacións catastróficas, incidentes no transporte acuático ou afogamento intencionado. 

Unha vez concienciados do grave problema do afogamento, J. Palacios explicounos, mediante a metáfora dunha cadeira e as súas catro patas, cales eran os catro piares fundamentais para conseguir unha boa prevención: a educación, as iniciativas públicas, un bo servizo de gardavidas (como el gosta de chamalos) co seu respectivo equipamento e a axuda de iniciativas privadas. 

Acto seguido, J. Palacios realizounos unha enquisa onde nos propoñía diferentes situacións para ver como actuariamos, ou sobre os nosos diferentes hábitos. Por exemplo, unha cuestión que causou debate foi a de se saber nadar reduce o perigo dun neno que estea só no medio acuático. Varias persoas opinaron que si, que aínda que saber nadar non exima de todo perigo, este é menor. Porén, a resposta dos expertos é que non: calquera neno ou nena que se atope sen o acompañamento dun adulto ten alto risco de afogamento aínda tendo nocións de natación. Non obstante, felicitóusenos polos resultados, pois mostramos un bo nivel de coñecemento na gran maioría de cuestións. 

 Posteriormente, tomamos nota dalgúns consellos á hora de realizar actividades no medio acuático, como nunca bañarnos sós, entrar na auga amodo, non bañarnos se estamos cansos ou temos frío, evitar comidas abundantes antes do baño, etcétera. Amais, explicounos o significado das distintas bandeiras: verde, que indica boas condicións para o baño; amarela, que nos advirte de ter un baño con precaución; e vermella, a cal prohibe o baño. J. Palacios recordounos que a bandeira vermella non fai referencia só ao estado do mar: este pode estar tranquilo pero, dada a presenza de medusas por exemplo, o baño estaría prohibido. 

Chegando ao final da charla, J. Palacios rematou por contarnos que as accións preventivas realizadas polos socorristas supoñen un 99,997 %, mentres que as accións de rescate representan só o 0,003 % do total das súas intervencións. Entón, concluímos recordando que a prevención pode parecer cara xa que, segundo J. Palacios, o equipo de gardavidas debería ser coma os policías ou bombeiros, os cales están presentes todo o ano e aos que se pode chamar para calquera emerxencia, mais isto non sería un gasto senón un investimento para a vida. 

Grazas a José Palacios todo o alumnado puidemos aprender e formarnos un pouco nun asunto tan importante como é a prevención do afogamento. Asemade, foi unha charla moi amena dado o seu nivel de interacción co público e a presenza de anécdotas e casos. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ

Paula López Martínez - 1º Bacharelato C

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...