16.4.23

Visita á granxa A Peruyeira e a estaleiros Gondán

O xoves 30 de marzo, os alumnos e alumnas de 4º ESO fomos de visita á granxa A Peruyeira, en Castropol. Trátase dunha granxa de vacas de leite, que se basea nun sistema que copiaron de Irlanda. Comentáronnos que, se unha vaca ten un defecto, o sistema indícalles con que touro a teñen que inseminar para mellorar esas eivas nas futuras crías (por exemplo, as patas). 

Ademais, explicáronnos algúns datos sobre a granxa, como que moxen as vacas dúas veces ao día e teñen unha produción anual de 2.400.000 litros de leite. Tamén contan con 116 hectáreas de terreo para que as vacas poidan pastar e colaboran con Central Lechera Asturiana, da que foron socios fundadores. 

Despois, fomos ver como muxían as vacas e fomos á corte, onde nos deixaron acariñar as vacas e os tenreiros. Así mesmo, explicáronnos que a algunhas póñenlles un aro con picos no nariz para que non lles vaian aos tetos a outras vacas, o que dana a calidade do leite. Tamén nos comentaron que hoxe en día os xatos son moi baratos (sobre 40 euros cada un) polo que a súa crianza non sae rendible, xa que o penso é moi caro. 

Para rematar esta visita, leváronnos á antiga granxa, que agora está restaurada e utilízase para celebrar a botadura dos barcos, xa que os donos da granxa tamén están á fronte dos estaleiros Gondán. Logo, deixáronnos comer a merenda de media mañá alí antes de ir ver os estaleiros. 

Podes ver as fotos AQUÍ.

Zoe Arias Lamelas - 4º ESO B1 

 

Ao chegar ao estaleiro, antes de comezar a visita, mandáronnos poñer uns cascos, unhas lentes e uns chalecos reflectores para acatar as medidas de seguridade da empresa. Cando empezamos o traxecto, presentáronnos a César, o noso guía, quen nos fixo unha introdución ao mundo da construción naval e unha explicación breve das funcións dun barco (fábrica, lugar de traballo, vivenda e medio de transporte). Ademais disto, contounos unha serie de curiosidades sobre os barcos que fabricaban. Algunhas destas son que un barco pode chegar a pesar ao redor de 2.800 toneladas, levar 120 persoas a bordo ou que se fabrican nun tempo aproximado de dous anos e que se tiñan que poñer a proba un mes para estar seguros do seu correcto funcionamento. 

Tamén nos comentou que, dende hai dez anos, son expertos na creación de barcos híbridos e que en dous anos o estaleiro ía cumprir un século dende a súa apertura, polo que se foi adaptando ás novas necesidades co paso do tempo. Despois disto, o guía expúxonos como era a construción dun barco e que eles a realizaban por bloques, ademais de comentarnos que a planificación e a coordinación eran esenciais para a fabricación deste. 

Para finalizar, ensinounos os almacéns de pintura, as naves de chorreo e pintura, os guindastres (moi importantes para mover os bloques), o cableado necesario para o barco e o barco que estaba en fabricación no porto. 

Todo o visto anteriormente, foinos tamén explicado cunha ampla presentación de diapositivas por un dos comerciais da empresa, Luis Mourelle, que é ex-alumno do IES Perdouro e estudou Enxeñería Aeronáutica e tamén idiomas, o que o converteu nunha persoa idónea para traballar no estaleiro e vender barcos por diferentes lugares do mundo. En conclusión, foi unha viaxe moi interesante coa que aprendemos moito sobre este mundo e sen dúbida repetiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ.

Laura Paleo Ramos - 4º ESO B1


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...