Ao saír do hotel dirixímonos cara á estación de metro para ir ata Covent Garden, onde desfrutamos dun tempo libre para somerxernos polo Apple Market. A continuación, puxemos rumbo a Picadilly Circus, intersección de rúas icónica na capital británica, pasando por Chinatown, onde conseguimos deixar de lado a Toni entre a multitude. Por último, fomos ata Trafalgar Square, quedando marabillados coa típica foto do Big Ben que se asoma detrás dos leóns, e Leicester Square, lugar onde ceamos todos os días e realizamos visitas express ás grandes tendas de Lego e M&Ms. Ao rematar, dirixímonos cara ao hotel para dar este día por acabado.
No segundo día, a primeira parada foi o British Museum, onde puidemos observar grandes reliquias de diversas civilizacións históricas, destacando a exipcia e a grega. Máis tarde, dirixímonos á City de Londres, distrito financeiro e corazón da cidade, onde vimos o Banco de Inglaterra, o Ledenhall Market e the Monument, cuxa función é conmemorar o gran incendio do século XVII. A continuación, dirixímonos cara a Tower Bridge, onde tamén puidemos observar a Tower of London. Despois de comer en St Katherine’s Docks, cruzamos a ponte e demos un paseo por South Bank ata chegar a Borough Market, alí tivemos unhas boas vistas do famoso Skyline de Londres e recoñecemos lugares como o City Hall, o Globe Theatre ou a Tate Modern. Logo, cruzamos o Millenium Bridge ata Saint Paul's Cathedral. Despois de observala, collemos o metro ata King Cross Station, onde vimos o popular andén 9 ¾ de Harry Potter e tamén a St Pancras.
O seguinte día comezámolo nun dos lugares máis alternativos de Londres, o Camdem Market, no cal tivemos tempo libre para observar todas as tendas e decoracións tan orixinais. A seguinte parada serían os Kensington Gardens, co Kensington Palace de por medio, e o Albert Memorial e o Royal Albert Hall, momento no cal tivemos a sorte de ver unha homenaxe aos oitenta anos do discurso de Winston Churchill anunciando o final da II Guerra Mundial con avións de guerra. A continuación, dirixímonos ata o Natural History Museum e máis tarde a Harrods, inmensos e luxosos almacéns nos que non fomos capaces de atopar moitos produtos ao noso alcance. Por último, fomos a Hyde Park, onde vimos o seu espectacular lago cos fermosos cisnes e tamén onde pasamos un momento moi divertido xogando a xogos tradicionais ao aire libre. Cando rematamos de pasear polo parque collemos un dos famosos buses ata Picadilly, o Double Decker de dous pisos. Ceamos e volvemos ao hotel para rematar ese intenso día.
No noso último día por Londres, as primeiras paradas serían Trafalgar Square e o Buckingham Palace. Máis tarde, dirixímonos ata St James Park, onde descansamos para despois dar un paseo ata a Westminster Abbey e o Big Ben. Ao rematar de apreciar estes asombrosos monumentos, cruzamos o Westminster Bridge, contemplamos as Houses of Parliament e comemos nos Jubilee Gardens, onde esperamos o momento de subir ao London Eye, dende onde teriamos unhas espectaculares vistas sobre a cidade, especialmente do Big Ben e do Palacio de Westminster. Máis cara á noite, visitamos a famosa tenda de xoguetes Hamley’s, en Regent Street, onde vimos espectáculos de todo tipo. Dende alí, marchamos cara a Carnaby Street e logo a Oxford Street, onde tivemos tempo libre para explorar as diferentes tendas. Por último, collemos o bus, ceamos e fomos cara ao hotel nun ambiente que xa soaba a despedida.
O quinto día sería o momento de despedirnos totalmente de Londres, pois nada máis espertar marchamos cara ao aeroporto de Gatwick para coller o noso voo de volta a Santiago, lugar onde nos esperaba o bus para chegar a Burela e, finalmente, dar por rematada esta gran aventura.
Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Ángel Blanco e Antía González - 4º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário