26.5.25

Visita á Ribeira Sacra e Portomarín

O día 14 de maio o alumnado de Relixión e Francés de 4º ESO e 1º de Bacharelato fixemos unha viaxe á Ribeira Sacra, onde visitamos o Canón do Sil, Monforte e Portomarín. 

O día comezou cunha longa viaxe ata o Canón do Sil. Alí collemos un catamarán que nos amosou as fermosas paisaxes que rodean o río. A metade norte do río pertence á provincia de Lugo, mentres que a sur está en Ourense e teñen varias diferenzas, como nos explicou a guía do barco. Na metade de Lugo aínda se seguen cultivando uvas para facer viño, que se soben cuns raís ata a parte superior da ladeira. En cambio, a zona de Ourense xa non está cultivada e a maioría das plantacións foron abandonadas co paso do tempo. 

Ao longo do percorrido puidemos ver unha central hidroeléctrica, unhas rochas con formas que intentamos adiviñar e unhas casas rodeadas de árbores cun significado, xa que antigamente os cipreses indicaban que nesa casa se ofrecía comida, bebida e hospedaxe, dependendo do número de árbores. 

Cando rematou o percorrido volvemos ao bus para dirixirnos a Monforte. Alí subimos ao alto do monte, onde está o Parador, para comer. Unha vez rematada a comida, distribuímonos en grupos para comezar un xogo de preguntas por toda a vila. Nel, tiñamos que percorrer as rúas e buscar a información que se nos pedía para completar a folla. Ademais, debiamos sacar unha foto onde conseguiamos a información, como en carteis informativos ou coa xente á que lle preguntabamos. Ao final de todo tiñamos que montar un vídeo coas fotos de todo o día. 

Esta viaxe foi incrible xa que coñecemos unha parte moi famosa da nosa provincia e aprendemos que ás veces non fai falta desprazarse moito para ver sitios fermosos, senón que todo é cuestión de aprender a valorar o que temos preto. Ademais, desfrutamos dunha agradable tarde realizando o xogo. 

Ana Lestao Ben - 1º Bacharelato B

Ese mesmo día o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato que estuda Francés e Relixión visitou Portomarín, unha pequena vila chea de historia por onde pasa o Camiño de Santiago Francés. 

A actividade tivo lugar pola tarde e comezou cun xogo de pistas explicado pola nosa profesora de Relixión, Begoña. O alumnado dividiuse en grupos e recibiu as instrucións para participar no xogo, no cal percorrerían os lugares máis importantes do vila. 

Esta actividade consistía en completar unha serie de preguntas que se podían contestar empregando diferentes recursos: falando con peregrinos que se encontraban facendo o Camiño, lendo carteis colocados polas prazas… Unha vez rematada a actividade, cada grupo debía montar un vídeo con todo o material recompilado e enviárllelo ás profesoras, quen máis tarde seleccionarían os gañadores. 

Foi un mércores moi divertido e distinto, cheo de aprendizaxe fóra do instituto e que fortaleceu o traballo en equipo.

Accede ao albúm de fotos AQUÍ.
Claudia Romo Leivas - 4º ESO A
 

 

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...