Quen dixo que as matemáticas non son divertidas?
Construír unha ponte ou darlle forma a unha cúpula. Estes foron algúns dos retos que afrontou o alumnado de 1º ESO no obradoiro de matemáticas co que se celebrou o Mes da Ciencia en Galego no IES Perdouro.
Para levar a cabo o obradoiro, o alumnado organizouse en grupos e cada equipo foi participando en diferentes actividades. Tres delas incluían materiais para elaborar distintas estruturas, concretamente, unha ponte con diversos paus, unha figura xeométrica formada por todos os sólidos platónicos e mais unha cúpula a partir de distintos patróns.
A proposta, organizada polo departamento de Matemáticas e conducida por Roberto Manín, profesor de Matemáticas no IES Galileo Galilei en Navia (Asturias) e coordinador da Feira da Ciencia dese mesmo centro, completouse con xogos interactivos de cálculo mental.
A iniciativa, que se realizou o 1 de decembro para que non coincidise co período de exames da primeira avaliación, tivo unha moi boa acollida por parte do alumnado, que demostrou que as matemáticas non só se estudan, senón que tamén se poden tocar, construír e, sobre todo, desfrutar.
Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.
Eneko Oviedo Louzao - 1º ESO A e Salma Rocha Gomes - 1º ESO B

Sem comentários:
Enviar um comentário