23.3.26

Teatro grecolatino en Lugo

O alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais e 4º da ESO de Latín tivemos a oportunidade de asistir a unha actividade extraescolar en Lugo o martes 3 de marzo. 

A nosa primeira parada xa en Lugo foi o Museo Porta Miñá, onde puidemos coñecer mellor a historia da cidade e o seu pasado romano. A visita foi moi interesante xa que tivemos a oportunidade de que a guía do museo nolo explicase todo e nos ensinase os restos da gran cloaca feita polos romanos que atravesa a cidade. 

Despois, entrando pola porta situada fronte á catedral, demos un paseo pola Muralla Romana de Lugo, onde aproveitamos para sacarnos fotos todos xuntos e para desfrutar do bo día que tiñamos. Cando baixamos da Muralla, demos unha volta polo centro de Lugo: vimos as estatuas dos escritores Ánxel Fole e Castelao (esta última está situada enfronte do hotel onde se celebrou a 1ª Asemblea Nacionalista en 1918) e a Casa dos Mosaicos. A media mañá fixemos unha pequena pausa para comer e descansar antes de continuar coa xornada e asistir á primeira representación das Xornadas de Teatro Grecolatino. 

Collimos o autobús para ir á primeira obra, unha traxedia titulada Medea cuxo autor é Eurípides. 

Ao rematar, dirixímonos ao centro comercial As Termas, onde tivemos tempo libre para comer con tranquilidade e facer algunhas compras. 

Ás 16:15 h. volvemos subir ao autobús para asistir á segunda obra; nesta ocasión tratábase dunha comedia titulada Cásina de Plauto: rimos moito e tamén nos entretemos. Ao finalizar a función, subimos ao autobús e puxemos rumbo a Burela. 

Foi un día diferente e moi divertido. Ademais de aprender cousas novas, pasámolo moi ben todos xuntos e desfrutamos moito da experiencia. 

Claudia Romo Leivas - 1º Bacharelato B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...