18.11.17

Viaxe a Samos e ao Cebreiro - unha crónica de Alejandra e Cristian

O día 10 de outubro o alumnado de 3º ESO viaxamos cara ao interior da provincia de Lugo acompañados pola profesora de Relixión Begoña Abad e pola profesora de Lingua Miruca Parga. A nosa viaxe pasaba por varios concellos todos eles relacionados co Camiño de Santiago e Antón Niñe, o noso anterior profesor de Relixión, fíxonos de guía. 
A primeira parada foi no concello de Samos, unha pequena vila perto de Sarria pero con gran valor cultural no Camiño. Alí vimos a “Capela do Ciprés” e o gran Mosteiro de Samos, moi importante na vila e coñecido en moitos lugares de Galicia. Este mosteiro ten dous grandes patios (o seu claustro é o maior de España e coñécese como “o claustro do pai Feijoo” porque neste mosteiro tomou os hábitos beneditinos e está presidido por unha estatua súa), ducias de cuartos, unha grande igrexa e, ademais, reúne tres estilos arquitectónicos distintos (gótico, renacentista e barroco). 
Logo de xantar, partimos cara ao Cebreiro. Alí visitamos o albergue e, aínda que non puidemos entrar, explicáronnos moitos detalles sobre el. Tamén entramos na igrexa do Cebreiro, onde estaban misando en alemán. 
Despois disto fixemos un tramo de algo máis de dous quilómetros, aproximadamente, do Camiño Francés. E, de volta, paramos en Lugo para merendar e mercar algunhas cousas. 

ALEJANDRA ALONSO e CRISTIAN GÓMEZ 3º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...