O venres 30 de novembro o alumnado de 4º ESO viaxou ata Vigo; máis concretamente, fomos ata a súa Universidade.
Ás oito da mañá xa estabamos todos listos para emprender a viaxe. Chegamos arredor das 11:30 e recibíronnos cun agasallo na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se poden cursar diferentes graos e másters relacionados con esta enxeñaría. Despois de darnos o agasallo, o profesor, co cal teriamos a primeira charla, levounos ata un laboratorio desta parte da Universidade.
Na primeira charla, “Física Recreativa”, explicáronnos algúns conceptos de Física, como a lonxitude de onda, e tamén o funcionamento do ollo con respecto ás cores, facendo un inciso nas cores primarias (vermella, verde e azul) e a súas complementarias (cian, maxenta e amarela); cando unha cor primaria desaparece, dá lugar á súa complementaria e mediante diversos experimentos, dos cales puidemos formar parte, este profesor foi quen de explicarnos as cores que se producían nunha pompa de xabón.
Para a segunda charla, “Topografía con realidade aumentada”, viñeron tres profesores: un deles fíxonos unha pequena presentación en PowerPoint das diferentes ramas que tocaban e os outros dous fixeron unha pequena explicación do seu traballo. Para finalizar esta charla, puidemos experimentar cunha caixa de area, a cal tiña uns sensores para mostrar curvas de nivel e diferentes cores para saber se unha superficie estaba elevada ou non.
Na última charla, “A febre dos materiais”, un profesor desta Universidade puxo ao noso alcance diferentes materiais, os cales puidemos tocar e preguntar polo seu uso ou a súa composición. Fixo fincapé nalgúns deles: unha estrutura con forma de panal de abella, usada nos avións; diferentes fibras, como a de carbono; diferentes tipos de plásticos e a súa nomenclatura, destacando o policarbonato e o metacrilato, dous materiais moi transparentes pero cunha diferenza notable: o último deles é máis fráxil ca o primeiro; explicounos diferentes métodos de soldadura, destacando a de fricción (as pezas únense pola calor producida por este proceso).
Para darlle fin a esta charla, o profesor fixo dous experimentos: no primeiro, fixo unha escuma, a que se usa para o recubrimento dos teitos, mesturando dous produtos e o segundo consistiu en conseguir cobre a partir da súa mena (el fíxoo poñendo en contacto unha lámina de ferro con ácido).
Arredor das tres saímos da Universidade e dirixímonos á Laxe, un centro comercial preto do porto de Vigo; alí comemos e deixáronnos tempo libre. Ás cinco xa estabamos todos na entrada do centro comercial e, aproveitando que Vigo destaca polo seu decorado de Nadal, fomos dar un paseo pola Gran Vía vendo o acendido das luces desta época. Ás seis e media puxemos rumbo a Burela.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.
Salma Yáñez Rego
4º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário