13.12.18

Viaxe á Coruña

Saímos de Burela ás 9:10 e, despois dun longo traxecto, chegamos ás 11:20 á nosa primeira parada: o Acuario Finisterre.

Xa alí, recibiunos unha agradable monitora que nos dirixiu a unha das salas máis populares do acuario: a sala Maremagnum; o primeiro que fixemos alí foi escoitar unha explicación sobre os distintos tipos de peixes (peixes óseos, cartilaxinosos…) e os distintos tipos de peles (sen escamas e con escamas, destes dous tipos ofrecéronnos unha mostra para sentir o seu tacto rugoso). Tamén nos explicaron os diferentes tipos de respiración nos peixes, as súas formas de reprodución e as formas dos ovos dos tiburóns, dos cales nos proporcionaron moita información.

Despois de toda esta explicación pasamos á visita libre, na que puidemos ver, individualmente ou en grupo, as distintas salas e exposicións, as cales eran moi divertidas e interactivas.

Logo de gozar desta visita, dirixímonos no autobús a un lugar onde comer. Despois da comida, fomos á Fundación Barrié na que uns monitores nos deron a benvida.

Alí iamos facer unha actividade de Robótica, pero antes de todo déronnos unha pequena noción sobre o que eran os robots e que función desenvolverían no futuro. Coa explicación dada, pasamos á práctica: os monitores entregáronnos unha tableta e un robot (M-bot) cos que iamos desenvolver aquela actividade. Despois disto pasamos a facer diferentes circuítos ou programas para ir colléndolle o gusto á cousa. Ao final, con todos os programas realizados, cada grupo tiña que desenvolver un programa para que o robot loitase contra os demais robots dos outros grupos, o cal foi moi divertido e emocionante. Cando rematou o obradoiro, todos, con educación, lles aplaudimos aos monitores e estes felicitaron os profesores polo noso bo comportamento.

Todos felices volvemos ao autobús e percorremos o camiño de volta a Burela, a onde chegamos cara ás 20:20.

Para min esta foi unha viaxe moi entretida e didáctica, na cal aprendemos moitas cousas. Estou moi satisfeito de ter ido.

Accede ao albúm de fotos aquí.
Manuel González
3º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...