9.5.19

Visita do alumnado de Administración à Torre de Núñez e Quescrem

O pasado 5 de febreiro, o alumnado do ciclo medio de Xestión Administrativa e os de 1º de ciclo superior de Administración e Finanzas visitaron dúas empresas galegas: Torre de Núñez e Quescrem.

Na primeira foron recibidos pola Técnica de Calidade, quen lles ensinou todo o proceso de produción e organización da compañía, a cal suma xa máis de 50 anos de antigüidade. Para iso, tiveron que poñer batas, gorros, calzas e, incluso, máscaras que tapaban o nariz e a boca, o que reflicte unha gran preocupación pola hixiene e por manter o produto libre de axentes externos prexudiciais.

No percorrido polas instalacións viron como se producen os lacóns e os chourizos dende o primeiro paso ata o último. O procedemento de afumado chamou moito a súa atención xa que se realiza con madeira de carballo, apostando así polo aproveitamento de especies autóctonas. Tamén é salientable a gran capacidade de almacenamento da fábrica, destacando unha sala de grandes dimensións con xamóns esperando para ser enviados ás grandes superficies distribuidoras ou directamente aos clientes finais que os adquirían alí mesmo. Así mesmo, destacan tamén as innovadoras máquinas que empregan e que, a pesares de seren obxectos que favorecen a industrialización da marca, manteñen a base artesanal do produto.

Durante a visita, comprobaron que o persoal ten a súa labor diferenciada, é dicir, que se trata dunha empresa que opta pola especialización, na que cada persoa que forma parte do seu organigrama é especialista no traballo que realiza.

Pola tarde visitaron Quescrem, unha empresa fundada en 2006 que a día de hoxe está presente en toda España e no estranxeiro, como por exemplo, en China. Foron recibidos polo Técnico de Recursos Humanos, quen lles comentou aspectos referidos á historia da marca, todo o que a caracteriza e a fai especial, a presenza no mercado e a forma de traballar da empresa, onde o persoal realiza unha xornada de oito horas diarias, das cales dúas horas poden repartir como eles prefiran. Dende o punto de vista organizacional, trátase dunha compañía innovadora, pois seguen un modelo aberto onde todo está conectado, de forma que poida existir unha comunicación continua e moi fluída. Así mesmo, tratase dun lugar moi eficiente dende o punto de vista enerxético, pois aproveitan a calor que desprenden as máquinas da fábrica para manter a temperatura das oficinas e do laboratorio. 

A visita á fábrica foi realizada polo encargado da planta de produción. Para a mesma, tamén tiveron que empregar indumentaria estéril. Ademais de ver os distintos procedementos de envasado, comprobaron como se almacenan e refrixeran as mercadorías xa listas para a venda e clasificadas segundo o lugar ao que van ser enviadas. O que máis chamou a atención do alumnado foi o feito de que a materia prima da que parten para fabricar o seu queixo é a mazada, tamén coñecida como soro de manteiga. Esta posúe menor índice de graxas e, ademais, contribúen a reducir o seu desperdicio pois, noutros tempos, non houbera tido utilidade algunha.

É salientable tamén como Quescrem participa na formación dos novos profesionais do sector culinario coa organización de concursos que premian as mellores receitas elaboradas con produtos da súa fabricación. 

En xeral, ambas visitas foron moi interesantes e nas dúas recibiron produtos como xamón, queixo natural en crema e a súa variedade ChocoBó. 

María González Fernández de 1º CS de Administración e Finanzas.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...