O pasado venres 15 de novembro recibimos na aula de 1º de Bacharelato a visita de Verónica Ramallal e Patrocinio Morrondo, dúas mulleres “REFERENTES GALEGAS” que forman parte deste proxecto desenvolvido pola Asociación de Executivas de Galicia para dar visibilidade ás numerosas mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus respectivos sectores.
Patrocinio Morrondo é Catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e recentemente foi chamada para asesorar o Goberno de España sobre infraestruturas científicas singulares, despois de ser nomeada membro do Comité Asesor sobre Infraestruturas Únicas (CAIS) do Comité Executivo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. E ademais de todo isto, aínda ten tempo para colaborar en varios países de África na investigación veterinaria, a súa grande paixón.
Verónica Ramallal desenvolveu os seus primeiros traballos no ámbito da comunicación en empresas como a TVG ou La Voz de Galicia; máis tarde, traballou en distintas axencias social media a nivel estatal e internacional. No ano 2012 crea “Pekecha”, unha consultoría de márketing dixital e formación que traballa para importantes empresas e institucións ofrecendo servizos e asesoramento-acompañamento na súa comunicación on-line.
Ademais de falarnos da súa experiencia laboral tamén nos comentaron que todos os seus logros foron froito da constancia e o esforzo e dos sacrificios que tiveron que realizar para levar a cabo os seus soños tal e como elas querían. Esa é a mensaxe que nos transmitiron: con constancia e esforzo todo se pode conseguir.
Andrés Pardo - 1º Bach
Sem comentários:
Enviar um comentário