12.12.21

Charla violencia machista nas relacións de parella na mocidade

As alumnas e alumnos do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar asistimos o 22 de novembro a unha charla sobre a violencia machista nas relacións de parella na mocidade. Resultou ser unha xornada interesante e chea de dúbidas resoltas pola persoa que dirixiu a actividade, unha traballadora do Centro de Recuperación Integral de Mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago de Compostela. Ela veu ao IES Perdouro grazas ao Plan Proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade”, que no noso centro está coordinado pola profesora Carmen Sampedro.

Aprendemos a diferenciar a palabra "sexo" de "sexualidade". En moitas ocasións, as persoas temos prexuízos á hora de falar sobre elas ou mesmo non coñecemos cal é a diferenza. Despois disto, sen esperalo, comezamos un coloquio con diferentes opinións e isto fíxonos chegar a varias conclusións que debemos ter en conta.... Nós, os rapaces e rapazas de agora, somos o presente da sociedade, pero tamén o seu futuro. E como ben di un refrán moi coñecido: "Cada un recolle o que sementa”. Podemos sementar sinceridade, harmonía, respecto, amor, é dicir, non prexulgar. Pero tamén é posible sementar hipocrisía, discordancia, odio... Como futuro da sociedade, que queremos recoller?

Rematamos a charla (a cal se nos fixo moi breve) cunha sensación moi positiva e con ganas de inculcar aos nosos compañeiros, familiares e coñecidos que entre todos podemos mellorar esta sociedade, intentando erradicar deste xeito a violencia de xénero.

Na mesma xornada, pero noutras sesións, tamén participaron nesta actividade os compañeiros dos Ciclos Medios de Mecanizado e Instalacións de Telecomunicacións.

Alumnado de Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...