8.12.21

Feira "Comercio con sentido"

O venres 22 de outubro o alumnado de 2º e 3º PMAR e FP Básica de Fabricación e Montaxe e de Servizos Administrativos fomos ata a Praza da Mariña para visitar a feira “Comercio con sentido”.
Cando chegamos, leváronnos ata un mapa chamado “de Peters”, que era bastante grande e no mapa tiñan colocado o café, o azucre, o chocolate e o cacao, cada un na zona na que se produce. Alí informáronnos sobre cada produto. Por exemplo, que todos eles se cultivan nos países que están no hemisferio sur e despois se exportan a países do norte e alí véndense.
As persoas que viven nos países do sur e traballan nisto gañan poucos beneficios porque eles fan todo o traballo que leva cultivar estas plantas e despois mándano a outros países e os que saen gañando son os países do norte, porque eles poñen o prezo que queren.
Tamén nos dixeron que o mapa de Peters non era como o que tiñamos na clase, aínda que en realidade non é así, porque xusto na nosa aula hai un mapa de Peters. Este mapa é diferente doutros porque é diferente o tamaño dos países e os do hemisferio sur vense máis grandes.
Despois de explicarnos todo isto, separáronnos en tres grupos porque había tres postos na feira: un de azucre, un de cacao e outro de café e cada grupo tiña que ir pasando por cada un deles. Alí había unha persoa que nos explicaba como era o proceso de producir cada un dos cultivos.
No que se refire ao azucre, contaban con catro tipos, aínda que dous deles eran practicamente iguais. Explicáronnos que o azucre branco, o que habitualmente usamos, procede da remolacha e os outros dous veñen da cana de azucre. O azucre de cana, uns son máis clariños e outros máis escuros, porque pasan por diferentes procesos de elaboración. A panela é un tipo de azucre máis escuro. Tamén nos contaron que o azucre se produce en Brasil, India, China, Tailandia, Paquistán e México.
O cacao dixéronnos que se producía principalmente na Costa de Marfil. A súa planta é o cacaoteiro. Collen o seu froito cando está vermello como a cereixa. Despois de collelo, fan todo o proceso de sacarlle as sementes, secalas e moelas e despois disto queda a manteiga de cacao, a pasta de cacao etc. O 68 % da súa produción está en África, o 18 % en Asia e o 14 % en Oceanía.
En canto ao café, provén dunha planta chamada cafeeira. O froito ten que estar vermello para ser recollido e despois sácaselle a cáscara e déixase secar. Cando acaba o proceso de secado, tórrase ou móese se se quere vender moído. Ten máis calidade o natural e menos o torrado. Tórrase porque, ,ao facer o café, sae máis escuro se está torrado, pero é peor ca o natural. O café prodúcese sobre todo en Perú, Colombia e México.
Quen quixo tivo oportunidade de probar o chocolate e o café. Tamén o vendían como produtos de comercio xusto. Así, van máis beneficios para os produtores e non tanto para os intermediarios.
Ao final, volvemos ao mapa de Peters e reflexionamos sobre a importancia dos países do hemisferio sur na produción destes cultivos que tanto se consomen en todo o planeta. 
Accede ao albúm de fotos AQUÍ.

Elian Sanches Tavares e Leydi Belén Briyith Abanto Balvin – 2º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...