20.6.25

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 31

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 31 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Esta mañá, a biblioteca do centro acolleu un evento moi especial: a presentación do número 31 da revista escolar Maruxía. O acto estivo conducido por Hugo Lorenzo, alumno de 4º de ESO TIC, quen guiou con soltura e entusiasmo a sesión.

Durante a presentación, Maeve Díaz e Noa Burgos compartiron con todos os asistentes a experiencia do equipo na preparación desta nova edición, salientando o valor do traballo conxunto e da colaboración continua para superar os diferentes retos que xurdiron ao longo do proceso.

Como nestes últimos anos, foi o alumnado de 4° ESO quen maquetou a revista escolar e varias decenas de estudantes e profes de calquera das ensinanzas que se imparten no IES Perdouro redactaron os textos que ocupan as súas páxinas. Ademais, a revista inclúe os relatos e poemas premiados no XVIII Concurso de Relato Curto e Poesía, así como as imaxes galardoadas no XVI Concurso de Imaxe, certames organizados cada ano pola Asociación Cultural Os Matos.

Antes de rematar o acto, o profesor de TIC, Cristovo Balseiro, tomou a palabra para compartir a experiencia que supuxo para el e o seu equipo de alumnado enfrontarse ao reto de aprender a manexar un novo programa de maquetación, o Scribus, que non resulta precisamente sinxelo.

Para rematar, Xema Sanjurjo, coordinadora do EDLG e Karina Parga, presidenta da Asociación Cultural fixeron entrega dos premios aos gañadores destes certames, que cada ano fomentan a expresión literaria e artística no centro. 

Aproveitamos o acto para facer entrega do diploma de participación ao equipo formado por Sara Villarquide, Breogán Fernández e Hugo Fernández, alumnos de 3º ESO, que representou ao IES Perdouro na fase territorial do concurso radiofónico ODS Onda – O Futuro é Teu. Os estudantes de ESO de catro centros galegos protagonizaron a primeira edición dun concurso que pretende transformar a educación en materia de sustentabilidade nunha experiencia interactiva, divertida e emocionante aproveitando o alcance e a influencia da radio local en todo o Estado. Este concurso realizouse simultaneamente en Galicia, Andalucía, Catalunya e na comunidade autónoma de Madrid.

👉 Podes acceder á reportaxe fotográfica completa premendo AQUÍ.

📖 Consulta a revista Maruxía nº31 en formato PDF, dispoñible aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...