O pasado martes 3 de xuño o alumnado de 1° de Bacharelato, xunto coas profesoras de portugués e francés, saímos cara a unha viaxe na cal percorreriamos o país veciño. A nosa primeira visita de Portugal foi o Mosteiro do Bom Jesus, en Braga. Alí, puidemos desfrutar dos seus preciosos xardíns en harmonía coa arquitectura barroca. Ademais de baixar polas súas innumerables escaleiras, tivemos a oportunidade de remar en barca tras o xantar. A continuación, dirixímonos a Espinho, onde nos aloxariamos os seguintes días para visitar Porto.
Pasamos todo o mércores na cidade de Porto, onde quedamos abraiados cos azulexos que recobren as fachadas da estación de San Bento e doutras moitas edificacións. Observamos a colorida paisaxe da Ribeira, xunto ao Douro, e no Mercado de Bolhão probamos doces típicos portugueses. Fixemos tamén un roteiro alternativo para coñecer a verdadeira esencia da cidade e do seu pobo; exploramos a física do son na Casa da Música e vimos monumentos inconfundibles que nos mostraron a riqueza histórica da cidade.
O xoves despedímonos de Porto e de Espinho para dirixírmonos cara a Aveiro. A primeira hora, aprendemos sobre a industria tradicional que sustentou á súa poboación durante séculos, as salinas. Logo, paseamos entre as coloridas edificacións tan características da arquitectura de Aveiro. Tamén, montamos en barcos moliceiros, dende os cales, grazas a un guía, aprendemos a historia da vila dende as canles que a atravesan.
Este mesmo día rematámolo xa en Lisboa, onde desfrutamos da gastronomía tradicional portuguesa preto da Praça do Comércio. Na mañá seguinte, subimos ao miradoiro da Senhora do Monte e adentrámonos polas rúas da cidade. Desprazámonos en metro, mais tivemos a oportunidade de montar nos coloridos tranvías e de escapulirnos polas rúas en trotineta.Na praza do Carmo fixémonos conscientes da historia aínda latente no corazón da cidade; descubrimos o barrio de Alfama e aprendemos sobre as figuras literarias máis destacadas da cultura portuguesa tras visitar a Feira do Livro de Lisboa. Así, visitamos tamén o Castelo de São Jorge, unha fortaleza medieval situada no punto máis alto da cidade pola cal pasaron todas as civilizacións que poboaron Lisboa ao longo da historia. Dende alí, tivemos unha preciosa panorámica da paisaxe debuxada pola diversidade botánica e harmonía arquitectónica de Lisboa xunto coas augas do Texo.
O sábado apuramos o último día de viaxe comezando polo museo Quake, acerca do gran terremoto que asolou Lisboa en 1755. Alí tivemos a oportunidade de sentir persoalmente a experiencia de tal fenómeno e así comprender mellor o sucedido na cidade e como isto mesmo afectou a súa configuración na modernidade. Logo, vistamos Belém, xunto coa súa famosa Torre e o Mosteiro dos Jerónimos, onde se atopan os sepulcros do explorador Vasco da Gama e o gran poeta Fernando Pessoa. Logo, relaxámonos nunha longa tarde de praia antes de voltar ao centro de Lisboa para cear e recollernos ata partir deviaxe de volta na mañá seguinte.
Chegamos a Burela por volta das nove da noite, tras unha viaxe en bus con intervalos de recordos sobre a experiencia e moito, moito sono, o que nos mostra canto desfrutamos dela. Paramos tamén en Ponte da Lima a xantar e visitamos o seu mercado de antigüidades antes de despedírmonos finalmente da nosa última gran viaxe como curso en conxunto. Desta viaxe quedámonos con innumerables recordos construídos nun ambiente que combinou a convivencia e os risos coa cultura, facendo dela unha experiencia inolvidable para todos. Finalmente, tan só queda dicir que ficamos muito gratas e gratos por termos a oportunidade de compartilhar esta experiência com as profesoras Vanesa e Karina, assim comoJosé Luis, sem os quais não poderia-mos terdesfrutado tanto da nossa viagem.
Carla Paz Trelles, 1° BAC A
Accede AQUÍ ao albúm de fotos da viaxe.
Sem comentários:
Enviar um comentário