25.6.25

Proxecto Neo.14 Curso 24-25

Foi un curso de consolidación e apertura, no que mantivemos viva a radio escolar como espazo de aprendizaxe, encontro e servizo á comunidade.

Despois da continuidade garantida grazas á colaboración de Radio Foz e á implicación dos docentes envolvidos no equipo de radio, mantivemos unha programación estable desde outubro ata xuño, con máis de trinta programas divulgados nas emisoras asociadas e nas redes do IES Perdouro.

Neste curso, incorporáronse novas voces como Javier Mogo, Nádia Cabral, Érica Gomes, Belanice Costa e Helena Paredes, entre outras. Con eles e elas reforzamos o compromiso coa diversidade lingüística, incluíndo sotaques do galego e do portugués, e dando acubillo a testemuños chegados de Cabo Verde, Colombia ou Brasil.

Cómpre salientar tamén dúas colaboracións regulares que enriqueceron a estrutura do programa: por unha banda, a profesora de Lingua Castelá Sonia Rey, que dinamizou dúas seccións xa imprescindíbeis —A noticia do día e Horrografía (mensual)—; e por outra, o profesor de Bioloxía Fernando Losada, que achegou as súas didácticas Pílulas das ciencias, conectando o saber científico coa realidade cotiá do alumnado. Mensualmente programamos un Especial Radio Saúde Burela, actividade que forma parte da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención do Sistema Nacional de Saúde, unha iniciativa dentro do Plan Estratéxico de Saúde Nacional.

Proxecto Neo mantivo o seu vínculo co territorio. Falamos do mar con Pepe do Caxoto e Balbino Trelles; de iniciativas empresariais baseadas no compromiso coa nosa terra e co ambiente, como Mel do Trevo ou Terras de Miranda; da cultura con artistas como Cristina Castro, Ugia Pedreira, Xosé Constenla e Lupe Blanco; e da literatura coa colaboración de Antonio Reigosa, Raquel Miragaia, Paco Rivas e Manuel Rivero. Ademais, recibimos a visita de Manuel Núñez Singala grazas ao programa Lectura Infinita.

As colaboracións chegaron tamén doutros centros: de Vila de Cruces, de Xinzo de Limia, de Catarroja (Valencia) e mesmo do arquipélago caboverdiano, grazas á colaboración do director da Escola do Salineiro, Josefino Quedi Barbosa.

Participamos en actividades como Expomar, o intercambio con Francia e a excursión a Portugal. Conectamos así a radio escolar co mundo, mantendo como fío condutor a palabra dos estudantes.

Neste ano, Proxecto Neo foi, unha vez máis, escola de comunicación bidireccional, ponte entre xeracións e motor de cohesión social.

Vanesa Vilaverde Lamas, coordinadora de Proxecto Neo

Rematamos a 14ª edición de Proxecto Neo cun xantar de confraternidade entre os integrantes de Masa Coral Modelo Burela. 

Aquí están as fotos da entrega de diplomas aos reporteiros/as de Proxecto Neo 24-25.

Equipo docente Proxecto Neo 24-25 coa nosa fotógrafa Lucía Rivas

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...